Estás en:
  • IDEG >
  • Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta activa un sistema de seguimento da evolución do uso do solo, unha información básica para a ordenación do territorio

O Sistema de Seguimento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio é unha aplicación fácil de usar, que permite a consulta e análise das diferentes fontes de información relacionadas coa ocupación do solo.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), vén de poñer en marcha un sistema para o seguimento e análise da evolución e os cambios que se producen nos usos e coberturas do solo (http://mapas.xunta.gal/visores/ocupaciondosolo/), unha información básica para avanzar no camiño da ordenación do territorio.

A modificación da cobertura do solo supón a alteración máis importante do medio causada polo home. A análise da extensión e distribución espacial do uso do solo, así como a cuantificación dos cambios de uso que se produciron no pasado é fundamental para estimar o impacto de ditos cambios. Por este motivo, o coñecemento da evolución do uso ou cobertura do solo é imprescindible para numerosos estudios ambientais e de ordenación do territorio, dado que estes cambios afectan significativamente a aspectos cruciais do ecosistema terrestre e teñen repercusión en aspectos tan diversos como o abastecemento de comida, a saúde humana, os riscos naturais, os riscos de pragas, a calidade do aire, a regulación do clima, a biodiversidade, a calidade do solo ou os recursos hidrolóxicos. Por outra parte, a cartografía de ocupación do solo é unha información básica para a ordenación do territorio e o planeamento urbanístico, pois é esencial coñecer a situación presente para poder establecer un plan axeitado de transformación do territorio, así como para a obtención de indicadores de sostibilidade ambiental.

O Sistema de Seguimento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio é unha aplicación fácil de usar, que permite aos analistas do territorio -e aos cidadáns en xeral-, a consulta e análise das diferentes fontes de información relacionadas coa ocupación e uso do solo. Entre a información que se pode visualizar e consultar neste sistema atópase dispoñible, por primeira vez, o Sistema de Información de Ocupación do Solo en España (SIOSE) dos anos 2009 e 2011, que se engade aos datos xa dispoñibles do SIOSE 2005. Esta información sobre a evolución do uso do solo completarase a finais deste ano cun novo mapa do SIOSE 2014.

O sistema inclúe outra información xeográfica sobre o territorio galego relacionada con esta temática e que é empregada habitualmente na análise territorial, como o Mapa de Coberturas e Usos do Solo de Galicia do ano 2000, o Corine Land Cover 1990, 2000 e 2006 (Instituto Geográfico Nacional), o Mapa de Cultivos e Aproveitamentos de España  1980-1990 e 2000-2010 (MAGRAMA) e o Mapa de Capacidade Produtiva do Solo de Galicia. Esta última capa de información, xunto coas ferramentas de comparación visual entre mapas, permite, por exemplo, comparar o uso actual dunha zona coa capacidade do territorio para dar soporte a ese uso, posibilitando, entre outras cousas, avaliar o impacto que supón a forma de utilización do solo.

Esta funcionalidade, chamada “Comparador de mapas”, ofrece tamén a posibilidade de visualizar simultaneamente e dun xeito sinxelo a mesma zona en dous mapas de uso ou dos fotografías aéreas de diferente data, facilitando a identificación dos cambios na ocupación do territorio.

O sistema tamén dispoñibiliza información sobre paisaxe, tanto do Catálogo das Paisaxes de Galicia como doutros estudos previos sobre a paisaxe galega, e está preparado para a incorporación das futuras actualizacións do Catálogo, o que permitirá o seguimento da evolución das unidades e os tipos de paisaxe de Galicia.

A aplicación permite a consulta e análise da ocupación do territorio de diferentes formas. Pódese localizar as zonas cunha cobertura específica (por exemplo, cunha vexetación determinada) segundo o seu grao de cobertura, consultar a ocupación dun determinado punto do territorio en diferentes datas ou analizar a evolución das principais coberturas no período 2005-2011. Dun xeito sinxelo pódense localizar no mapa os principais cambios de uso que se produciron nos últimos seis anos, período no que, segundo o SIOSE, as coberturas artificiais aumentaron en 3.290 ha, os cultivos e o arborado diminuíron en 4.159 e 15.376 ha respectivamente e o mato aumentou en 34.078 ha.

Fondo Europeo de desenvolvemento rexional