Portal IDEG

Estás en:
  • IDEG >
  • Actualidade
Compartir

Compártao :

A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mellora o acceso á información sobre o nivel de ocupación do solo mediante o incremento da calidade dos datos do Sistema de Información sobre a Ocupación do Solo (SIOSE) con maior nivel de detalle cartografiable e unha redución de dúas a unha hectáreas da superficie mínima de representación en zonas agrícolas e forestais.

Esta mellora no SIOSE facilitará ás entidades públicas e privadas, así como á cidadanía en xeral, un mellor coñecemento sobre os ecosistemas terrestres e, polo tanto, mellores instrumentos para lograr unha planificación sustentable e responsable cimentada en indicadores de sustentabilidade ambiental, estratexias de xestión en zonas costeiras ou a realización de estudos dinámicos sobre a ocupación do solo.

Deste xeito, a nova base de datos SIOSE14 cumpre cun dos obxectivos do departamento de Medio Ambiente que é facilitar o coñecemento e a información xeográfica e territorial necesaria para apoiar o bo goberno a todos os niveis e, en particular, en relación ao medio ambiente. De aí, a importancia de dispoñer de información actualizada, fiable e de detalle, por canto axuda a comprender mellor as forzas que actúan sobre o territorio e a tomar decisións responsables e coherentes coas políticas ambientais e de protección.

A base de datos SIOSE está integrada por 40 coberturas simples e 42 compostas coas que se poden observar os distintos tipos de superficies, os seus usos e as actividades socioeconómicas que se desenvolven neses espazos. En concreto, as coberturas simples permiten ver os cultivos, pastos, arborado forestal, mato, terreos sen vexetación, coberturas húmidas e de auga. Pola contra, as compostas ofrecen unha visión sobre as repoboacións forestais, asentamentos agrícolas e residenciais, urbano mixto, industrial, sector primario, sector terciario, equipamentos, infraestruturas de transportes, enerxéticas, telecomunicacións, abastecemento de augas e xestión de residuos.

Esta nova base está incorporada xa no visor de "Ocupación do Solo", accesible a través do enderezo http://mapas.xunta.gal/visores/ocupaciondosolo/ como unha capa temática máis simbolizada cos mesmos criterios que as coberturas anteriores co fin de facilitar a súa comprensión e comparación e sobre a que se pode obter información do seu contido ou solicitar a descarga dos datos orixinais. Tamén se incorpora no resto de ferramentas específicas do visor (consultas, temáticos e comparador).

A capa "Evolución de coberturas" actualízase para abarcar agora o período comprendido entre a primeira cobertura 2005 e esta última do 2014, esta capa amosa as modificacións máis notables neste período para sete agrupacións de coberturas.

En definitiva, a nova base de datos SIOSE14 de Galicia mellora a calidade das bases de datos SIOSE anteriores, correspondentes aos anos 2005, 2009 e 2011, configurando xa unha serie histórica de información sobre ocupación do solo que permite obter estatísticas de cambio de uso entre estas datas e, por conseguinte, avaliar a evolución do territorio na última década. Estes rexistros históricos de uso e cobertura do solo están á disposición dos cidadáns a través deste visor, no cal se pode visualizar e descargar esta información, así como localizar zonas cunha cobertura específica ou consultar a ocupación dun determinado lugar en diferentes datas.

Fondo Europeo de desenvolvemento rexional