Estás en:
  • IDEG >
  • Actualidade
Compartir

Compártao :

Actualización da información xeográfica dispoñible no Visor de Descargas de cartografía coa incorporación da nova Base Topográfica BTG10

Incorpórase a nova Base Topográfica de Galicia (BTG10) no visor de descargas, incorporada como mapa de fondo no visor básico.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de incorporar ao centro de descargas distintos arquivos da nova base topográfica de Galicia. Na elaboración desta información procurouse a maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos mediante a integración de datos de elaboración propia con información producida por diferentes organismos (IGN, Catastro, AXI, Augas de Galicia, deputacións...), asegurando unha produción sostible mediante a redución de custes e duplicidades e a xeración de sinerxías e proxectos colaborativos entre administracións.

Deste xeito, ponse a disposición a través da web a información correspondente a dous produtos: o Mapa topográfico de Galicia 10.000 (MTG10), composto por  4.089 mapas en formato PDF segundo a distribución normalizada de follas para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e tamén a propia Base Topográfica de Galicia 10.000 (BTG10), en formato SIX para poder ser empregado mediante ferramentas propias de xestión e análise de información xeográfica. Asemade esta información tamén está dispoñible a nivel de concello, co que se pode obter dita información en formato PDF e formato SIX coa distribución dos 313 concellos de Galicia.

A última actualización levouse a cabo durante o ano 2019 e 2020 a partires da información xeográfica de referencia máis actualizada e dispoñible: as ortofotográfias do ano 2017 e a información LIDAR dos anos 2015 e 2016. En concreto, levouse a cabo:

  • A revisión e mellora xeométrica da totalidade da rede hidrográfica.
  • Revisión e mellora posicional da máis de 1,5 millóns de edificacións e incorporación de 33.465 edificacións lixeiras.
  • Actualización e edición da rede de transporte e incorporación de 1.260 Km de estradas, pistas e camiños.
  • Incorporación de preto de 17.575 km de liñas de media tensión.
  • Revisión dos espazos dotacionais e equipamentos.
  • Incorporación de novas curvas de nivel, puntos de cotas e sobreados xerados a partires dun novo Modelo Dixital do Terreo obtido a partir do voo LIDAR.
  • Revisión da xeolocalización das entidades de poboación.
  • Edición de 341 áreas empresariais e de 129 portos de competencia autonómica e estatal.

Deste xeito avanzase no obxectivo da posta a disposición de información xeográfica dixital en distintos formatos para que sexa facilmente accesible aos distintos usuarios.

Fondo Europeo de desenvolvemento rexional