Portal IDEG

Estás en:
  • Mapas >
  • Ocupación do solo
Compartir

Compártao :

MAPAS

Ocupacion do solo

Evolución da ocupación do solo e da paisaxe

Ferramenta de fácil uso que permite a consulta e a análise das diferentes cartografías relacionadas coa ocupación do solo e a paisaxe. Ademais da visualización das diferentes cartografías, este visor dispón de utilidades para a comparación de mapas, para visualizar unha determinada cobertura, para coñecer a ocupación do solo nun punto determinado do territorio ou para facer mapas temáticos coa distribución no terreo dunha determinada cobertura.

Todas as funcionalidades desta aplicación van encamiñadas a que os usuarios poidan sacar o máximo proveito á gran cantidade de información creada en Galicia sobre as coberturas, usos e utilización do solo. Ademais, calquera outro dato que poida elaborarse sobre esta temática ten cabida nesta aplicación, pois está preparada para albergar e visualizar máis datos. 

Ocupación do solo

O visor conta coas seguintes cartografías:

 

SIOSE (2005, 2009 e 2011)

SIOSE é o Sistema de Información sobre Ocupación do Solo de España, integrado dentro do Plan Nacional de Observación do Territorio (PNOT). O obxectivo deste proxecto é elaborar a base de datos de Ocupación do Solo para toda España a escala de referencia 1:25.000, integrando a información dispoñible das comunidades autónomas e da Administración Xeral do Estado. Ata o momento existen tres versións desta base de datos (2005, 2009 e 2011) e estase a elaborar a cobertura do ano 2014.

No visor pódese descargar cada unha destas capas de información.
 

Ocupación do solo

 

Mapa de Coberturas e Usos do Solo de Galicia (2000)

Esta cartografía é a primeira cobertura completa e detallada da ocupación do solo en Galicia. Foi elaborada no SITGA mediante fotointerpretación de imaxes de satélite e fotografías aéreas utilizando unha nomenclatura derivada do proxecto Corine Land Cover. A súa escala de referencia é 1:25.000 e as unidades mínimas cartografiables son de 6 has.

No visor pódese descargar esta capa de información.
 

Ocupación do solo

 

Corine Land Cover (1990, 2000 e 2006)

Base de datos de Ocupación do Solo coa escala de referencia 1:100.000, a nivel europeo, baseada nunha nomenclatura xerárquica de 44 clases, con tamaño mínimo de polígonos 25 ha. Esta cobertura está incluída no proxecto Copernicus da Unión Europea.

Visualización do servizo WMS no servidor do Instituto Geográfico Nacional.
 

Ocupación do solo

 

Mapa de Cultivos e Aproveitamentos de España (1980-1990 e 2000-2010)

Trátase dunha cartografía a escala 1:50.000 dos anos 2000-2010, elaborada polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (MARM) e corresponde a unha cobertura a nivel nacional sobre os usos e aproveitamentos do solo. Este mapa é a actualización da anterior versión do Mapa de Cultivos e Aproveitamentos (MCA) dos anos 1980-1990. Nesta cartografía delimítanse e descríbense os cultivos e aproveitamentos do solo de todo o territorio nacional mediante o emprego de códigos que se agrupan en usos e sobrecargas.

Visualización do servizo WMS no servidor do MAGRAMA.

Ocupación do solo

 

Mapa da Capacidade Produtiva dos Solos de Galicia

Este mapa é a versión dixital e a escala lixeiramente más detallada do orixinal en papel publicado por F. Díaz-Fierros e F. Gil Sotres en 1984. Esta versión foi elaborada polo equipo de investigadores do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os potenciais usuarios da información contida neste produto inclúense non só os membros da comunidade académica senón tamén, e moi especialmente, a comunidade técnica implicada en procesos de ordenamento territorial e planeamento urbanístico. Nun contexto como o galego, no que só unha cuarta parte do territorio presenta solos de boa calidade para a agricultura, en boa parte ocupados por outros tipos de uso, a información dispoñible sobre a capacidade produtiva do solo resulta especialmente relevante nos procesos de planificación.

O mapa estará dispoñible para descarga no visor e no sitio web do Sistema de Información Territorial da USC.

Ocupación do solo

 

Evolución das coberturas SIOSE 2005-2011

Ofrécese a visualización da análise evolutiva das coberturas no período 2005-2011, que mostra os cambios máis destacables neste período para cinco agrupacións xerais (coberturas artificiais, cultivos, mato, arborado e solo sen vexetación), detallando o seu grao de diminución ou incremento.  

 

Paisaxe

As unidades de paisaxe corresponden á delimitación de zonas do territorio homoxéneas en canto ao tipo de paisaxe. Os tipos de paisaxe son o resultado de combinar tres factores: xeomorfoloxía, bioclima e patrón espacial de uso do solo. O mapa de patrón espacial de uso do solo obtívose mediante un procedemento de clasificación automática que, a partir de varias áreas de adestramento e tendo en conta a distribución espacial dos usos do solo na veciñanza de cada píxel, asigna a este píxel o patrón espacial de uso do solo máis parecido dos trece predefinidos: matogueira e rochedo; turbeira e breixeira húmida; bosque; agrosistema intensivo (cultivo); agrosistema intensivo (mosaico agroforestal); agrosistema intensivo (plantación forestal); agrosistema extensivo; viñedo; urbano; rururbano ou diseminado; extractivo; conxunto histórico; lámina de auga. Deste xeito, as clases deste mapa reflicten un determinado patrón espacial de varias coberturas ou elementos da paisaxe.

En total, o mapa de unidades de paisaxe inclúe 28.350 unidades de paisaxe pertencentes a 258 tipos de paisaxe diferentes, resultantes da combinación das 5 clases de rexións xeomorfolóxicas, 13 clases de patrón de uso do solo e 5 clases de termotipos.

Dos tres factores considerados na delimitación das unidades de paisaxe, o uso do solo é o que presenta unha maior variabilidade, tanto espacial como en número de clases, sendo, como consecuencia, o que dá lugar a un maior número de unidades de paisaxe. Por outra parte, é o único destes tres factores que presenta unha variabilidade temporal elevada. Por todos estes motivos, estas unidades de paisaxe están estreitamente vinculadas ao uso e cobertura do solo e a súa actualización debe ter en conta a evolución do uso do solo.

Este apartado conta cos seguintes capas de información:

  • Unidades de Paisaxe (Climáticas e Cuberta)
  • Unidades de Paisaxe de Bouhier: extraída da publicación "Galicia: ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, 1977, Aber Bouhier".
  • Grandes Áreas Paisaxísticas
  • Comarcas Paisaxísticas

Ocupación do solo

Estas capas de información xeográfica están acompañadas por outras con certo grao de relación como os parcelarios de SIXPAC e Catastro, e as capas de referencia como a Rede de Transportes e os Límites Territoriais.

Ocupación do solo

Fondo Europeo de desenvolvemento rexional