A Xunta expoñerá as estratexias paisaxísticas da comarca de Deza coa celebración do Obradoiro Internacional sobre Deseño e Planificación da Paisaxe no rural

As xornadas contarán coa presenza de especialistas de recoñecido prestixio dalgúns dos países con maior tradición no desenvolvemento de políticas en materia da paisaxe.

O obradoiro persegue establecer un debate técnico que afonde na definición dunha metodoloxía que defina os obxectivos de calidade paisaxística, e o deseño de accións, pautas e estratexias para a súa consecución.

Lalín (Pontevedra), 23 de xullo de 2013.- O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, presentou hoxe en rolda de prensa, xunto ao concelleiro de Urbanismo do Concello de Lalín, Román Rodríguez, o Obradoiro Internacional sobre Deseño e Planificación da Paisaxe no rural (Workshop: Rural Landscape Planning and Design).

As xornadas, que terán lugar dende o próximo luns 29 ata o mércores 31 de xullo, contarán coa presenza de especialistas de recoñecido prestixio dalgúns dos países con maior tradición no desenvolvemento de políticas en materia da paisaxe. A inauguración celebrarase no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, mentres que os obradoiros desenvolveranse no Espazo Cultural do Castro Tecnolóxico de Lalín.

Os asistentes expoñerán unha reflexión conxunta sobre as liñas de traballo que requiren as Directrices da Paisaxe na zona de Deza, comarca encadrada na Gran Área Paisaxística da Galicia central e que se converte no centro dos Obradoiros polas súas características, e por ser o obxecto do primeiro Catálogo de Paisaxe na nosa Comunidade Autónoma.

Unha vez aprobado o Catálogo a Estratexia da Paisaxe Galega, en coherencia coa lei establecese unha secuencia de traballo, que esixe dar resposta a unha serie de fitos. O primeiro deles, é a posta en marcha dun proceso de participación pública que garante un achegamento á mirada cidadá, aos seus desexos e ás interpretacións que fan das súas paisaxes os habitantes da comarca. Tras procesar a información, a Administración está na obriga de definir obxectivos de calidade paisaxística e accións e medidas concretas para a súa consecución que se recollerán nas Directrices da Paisaxe, o instrumento con maior peso normativo.

Por tal motivo, quixo resaltar Manuel Borobio que o Instituto dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deseñou este Obradoiro de planificación da paisaxe, no que se establecerá un debate técnico que definira estes obxectivos de calidade paisaxística, as accións e as estratexias para a súa consecución, a partires do coñecemento das experiencias desenvolvidas noutras países.

Desenvolvemento das xornadas
Os obradoiros realizaranse en seis sesións ao longo de tres días, reservando a última sesión para a presentación de conclusións. Co fin de estruturar o traballo dos grupos, cada sesión estará enfocada nun tema concreto da paisaxe e será iniciada cunha conferencia ilustrativa. O traballo dos asistentes estará orientado ao longo do taller polo comité científico e polos profesores invitados.

Previamente as xornadas contarán cunha actividade o domingo 28 na que o Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Augusto Pérez Alberti, acompañado polo comité científico do Obradoiro abordarán o recoñecemento da riqueza paisaxística da Comarca de Deza.

Galería de imaxes
Manuel Borobio na presentación do Obradoiro Internacional sobre Deseño e Planificación da Paisaxe no rural
Manuel Borobio na presentación do Obradoiro Internacional sobre Deseño e Planificación da Paisaxe no rural