O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Manuel Borobio, vén de reuniurse con representantes dos Concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Ourense para traballar na aplicación das especificacións da Base Topográfica Urbana de Galicia (BTUG).
O obxectivo desta aplicación é dispoñer dun modelo único de especificación para a produción da información xeográfica e cartográfica e permitir o aforro na mesma, xa que esta pode ser integrada a partir da súa xeración noutras escalas de traballo con competencia doutras administracións (autonómica e estatal), evitando a realización de traballos duplicados.
Cómpre lembrar que a cooperación da Xunta coa administración local mediante a distribución de cartografía, ortofotos, mapas e outros datos xeográficos tamén posibilitou un aforro duns 900.000 euros anuais.
Esta información é básica para os proxectos de posta en marcha das cidades intelixentes ou Smart City, a mellora na xestión nos servizos públicos no ámbito da sostibilidade, a eficiencia e o benestar do cidadán, e a competitividade das cidades.
Manuel Borobio destacou este exemplo de colaboración entre administracións, autonómica e local, e que se traslada tamén a administración xeral do Estado, mediante un modelo que integra a información dende escalas de detalle a máis xerais. Esta cooperación posibilita un aforro económico para os usuarios da citada información e un incremento da eficiencia nas administracións.
Base Topográfica Urbana de Galicia
A definición da Base Topográfica Urbana de Galicia representa o dispor dun modelo único que poida ser empregado por tódolos Concellos para escalas 1:1.000 e 1:500. Con este fin establecéronse unha serie de contidos e requisitos mínimos de calidade xeométrica, topolóxica e temática. O modelo está baseado nas especificacións da Base Topográfica de Galicia (BTG) 1:5.000. Deste xeito favorécese a harmonización e coherencia entre as bases cartográficas a distintas escalas e ámbitos, evitando duplicidades e gastos innecesarios, tanto na administración local, autonómica e central.
A BTG 1:5.000, baseada no modelo desenvolto pola Comisión Especializada de Normas Cartográficas, supón un avance tecnolóxico e un cambio na metodoloxía no proceso de obtención de cartografía, e o que é máis importante, a evolución conceptual que se levou nela supón un conxunto de datos xeográficos básicos para os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), xa que para recoller e almacenar a inxente cantidade de datos espaciais que forman a información territorial non é unha tarefa sinxela polo que é importante o establecemento dunha estrutura comparativa común relacionada co territorio e, a partir dela, lograr a súa segmentación para a súa análise racional. A primeira capa imprescindible, para estes sistemas, é a cartografía e o seu papel é esencial en todo proceso de unificación do tratamento da información xeográfica.
O modelo de datos da Base Topográfica de Urbana de Galicia, atópase dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura, dende a súa aprobación pola Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica. Este é o enlace no que se pode consultar esta información dun xeito máis detallado.