O Instituto de Estudos do Territorio promove a implantación en Galicia da rede de sociedade civil do convenio europeo da paisaxe, que busca a implicación cidadá nestas políticas

Acolle a primeira reunión con organizacións non gobernamentais para a presentación en Galicia da rede europea Civilscape, enmarcada nas políticas do Consello de Europa para o desenvolvemento do Convenio Europeo da Paisaxe.

Santiago, 19 de decembro de 2012.- O Instituto de Estudos do Territorio promove a implantación en Galicia de Civilscape, a rede de sociedade civil para o convenio europeo da paisaxe. Manuel Borobio, director do IET, cualificou a primeira reunión mantida hoxe en Santiago como unha oportunidade que a cidadanía non debería deixar pasar. A iniciativa busca a participación activa da sociedade, ofrecendo á cidadanía a implicación, que deixen de ser meros espectadores e que tomen a iniciativa cara a un proceso de participación pública efectiva, tal e como recolle o convenio europeo da paisaxe e a propia Lei de Protección da Paisaxe.

Civilscape é unha asociación internacional de organizacións da sociedade civil; ONG que adican parte do seu traballo ao planeamento, xestión e protección da paisaxe no marco do Convenio Europeo da Paisaxe. Esta rede nace para crear un entorno propicio para as organizacións da sociedade civil, e ten entre os seus obxectivos documentar á sociedade civil e organizacións comunitarias, fortalecer a infraestrutura do sector cidadán e promover a colaboración, tanto entre as organizacións da sociedade civil, políticas ou dos órganos administrativos e outros axentes, para a efectiva participación pública nas políticas de paisaxe.

A Xunta de Galicia está a desenvolver a Estratexia da Paisaxe de Galicia para dar cumprimento á Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, na que se recollen os principios reitores do Convenio Europeo da Paisaxe. Esta estratexia contempla unha serie de accións entre as que se encontra, con carácter prioritario a Sensibilización, Formación e Divulgación da paisaxe entre o conxunto da cidadanía. Neste senso, durante a reunión celebrada cos membros da Civilscape, os responsables do IET fixeron balance das actividades realizadas neste eido desde a presentación en agosto de 2011 da Estratexia da Paisaxe de Galicia, que se articula a través dun conxunto de accións no horizonte do 2016:

  • Redacción dos instrumentos para protección, ordenación e xestión das paisaxes, como son os Catálogos e Directrices de Paisaxe e os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.
  • Elaboración do mapa das Grandes áreas paisaxísticas de Galicia.
  • Aprobación do primeiro Catálogo de Paisaxe de Galicia, correspondente á comarca paisaxística do Deza (agosto 2012).
  • Publicouse a primeira Guía para a elaboración de estudos de impacto e integración paisaxística.
  • Outras guías de integración e boas prácticas.
  • Sensibilización, formación e divulgación da paisaxe: ciclo de Actividades formativas e divulgativas nas 12 Grandes Áreas Paisaxísticas: 12 meses, 12 paisaxes, no que participaron 21 Centros Educativos, 74 profesores e máis de 885 alumnos. Tamén se levou a cabo unha sesión divulgativa de paisaxe na escola de verán da Fundación Eduardo Pondal e unha sesión de traballo na Estación científica del Courel na que participaron representantes da sociedade civil, como é a Asociación Desenvolvemento Rural Serra do Courel, GDR Asociación de Desenvolvemento Rural Ancares-Courel e o Sindicato Labrego Galego.
  • A estas cifras habería que engadir as correspondentes ao programa A21Escolar, dedicado a temas de paisaxe e que mobilizou a 42 centros, 432 profesores e 4.980 alumnos.
  • Actividades de formación especializada: colaboración na IV, V e VI edición das Xornadas da Paisaxe Cultural do Noroeste; participación no Máster de Paisaxe na Escola da Paisaxe Galega; cursos especializados na EGAP e no INAP, Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Escola de Arquitectura, Master de Dereito.
  • Sinaturas de convenios de colaboración:
    • FEGAMP
    • Concellos de Santiago, Ortigueira e As Pontes
    • Fundación Juana de Vega
    • Fundación Eduardo Pondal
    • Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos
    • Departamento de Xeografía da USC

De cara ao 2013, o IET prevé continuar cunha inxente cantidade de actividades no que atinxe a Formación, Sensibilización e Divulgación:

  • Colaborar nas actividades académicas de especialización en materia de paisaxe coas universidades galegas e organismos públicos e privados.
  • Desenvolver o proceso de participación pública para a elaboración das Directrices de Paisaxe de Deza.
  • Publicación do Libro branco da participación nas políticas de paisaxe.
  • Desenvolvemento do programa 12 M 12 P no marco do plan proxecta da Consellería de Educación.
  • Actuarase en 32 Centros, 203 profesores, 2.333 alumnos.
  • En coordinación cos centros participantes no programa, tamén desenvolvido polo IET das Axendas 21 Escolares nos que ten previsto participar: 44 centros, 318 profesores e 3.208 alumnos.
  • Continuar coa política de sinaturas de convenios de colaboración con axentes, organización, institucións, etc. vinculadas á paisaxe.
Galería de imaxes
Manuel Borobio, na primeira reunión mantida hoxe en Santiago con organizacións non gobernamentais para a presentación en Galicia da rede europea Civilscape | Autor: Xoán Crespo
Manuel Borobio, na primeira reunión mantida hoxe en Santiago con organizacións non gobernamentais para a presentación en Galicia da rede europea Civilscape | Autor: Xoán Crespo