Publicación da nova serie cartográfica Galicia 250k

Co obxectivo de ofrecer unha síntese do territorio galego nunha soa folla de mapa, o IET confeccionou unha serie formada por un conxunto de mapas a escala 1:250.000, composta en principio por 11 mapas e que aumentará nun futuro coa incorporación de novos aspectos do territorio. Este novo produto cartográfico ofrece unha temática variada en formato PDF cun tamaño aproximado ao A0.

A nova serie cartográfica Galicia 250k é unha cartografía elaborada a partir dos datos almacenados no Sistema de Información Xeográfica Corporativo da Xunta de Galicia e está deseñada para ser descargada por Internet.

A serie está formada por cartografía sobre as redes principais do territorio (hidrografía e transporte), sobre as delimitacións territoriais (mapa de parroquias e mapa comarcal), sobre o subsolo (litoloxía e hidroxeoloxía), sobre a forma de ocupar o solo (SIOSE e poboamento), sobre as áreas paisaxísticas e sobre a visión de Galicia dende o espazo (imaxes de satélite de dúas datas diferentes).