A plataforma conta cun mapa e ferramentas para facer procuras por topónimo, coordenadas ou códigos catastrais para poder situarse nun lugar determinado. A través de diferentes mallas de descarga pódese acceder a un numeroso número de ficheiros con información gráfica da comunidade autónoma.
Como novidade incorpóranse ao centro de descargas a cobertura completa de Galicia do mapa de alturas de obxectos obtida a partir dos datos LIDAR dos anos 2009-2010, a cobertura completa de Galicia da ortofotografía dos anos 2010-2011 e a cobertura completa de Galicia dos mapas que emprega o Modelo Dixital de Superficies xunto cos usos do SIXPAC. En total, nesta mellora póñense a disposición da cidadanía 11.367 novos mapas.
Aínda que a plataforma de CDIX ten como misión ser unha ventá para a descarga de todos estes ficheiros, conta con ferramentas para que calquera poida achegarse ao territorio dende unha cartografía oficial e histórica, como pode ser a Ortofotografía do ano 1956 (coñecida como o Voo Americano) que pode ser superposta con outras capas como o catastro.