No SIX Colaborativo de Imaxes da Paisaxe Galega, a xente poderá non só ver e localizar fotografías da paisaxe galega, tanto actuais como pasadas, senón que poderá achegar a súa propia visión e perspectiva da paisaxe de Galicia, enviando e compartindo as súas fotografías. Esta iniciativa pode enmarcarse dentro dun fenómeno recente denominado Información Xeográfica Voluntaria ou Participativa (termo acuñado por M. F. Goodchild no ano 2007 nun artigo científico titulado “Cidadáns como sensores: o mundo da xeografía voluntaria”), que consiste en utilizar a web para recoller, catalogar, indexar e distribuír información xeográfica proporcionada voluntariamente por persoas.
Esta ferramenta web, que pretende converterse nun espazo virtual e visual de colaboración da cidadanía, ten unha dobre funcionalidade:
- A visualización de fotografías de paisaxes de Galicia xeorreferenciadas, o cal quere dicir que o usuario poderá identificar o ámbito xeográfico dende o que foi tomada a imaxe.
- A participación cidadá a través do envío de fotografías para a súa incorporación ao sistema, así como da valoración e caracterización das paisaxes representadas nas fotografías e, polo tanto, dos diferentes tipos de paisaxe.
A aplicación permite, dende un ordenador ou un dispositivo móbil, preparar un documento para poder achegar as fotografías. Mediante un formulario o usuario pode crear un documento en formato pdf, o cal, acompañado da fotografía, remítese por correo electrónico a paisaxesdegalicia [at] xunta.gal (paisaxesdegalicia[at]xunta[dot]gal)
A través do formulario o usuario pode indicar o título da imaxe, o autor, seleccionar o valor máis característico da paisaxe, o lugar de captura da fotografía (obtense automaticamente ao sinalalo no mapa web), unha breve descrición da imaxe, a valoración persoal sobre a paisaxe da fotografía e a data da mesma.
Con este sistema crearase un repositorio de información gráfica e documental sobre a paisaxe galega, que resultará de grande utilidade para a xestión e planificación da paisaxe, xa que facilitará:
- A análise das dinámicas paisaxísticas e das causas que deron lugar aos diferentes tipos de paisaxe. O obxectivo é que a xente envíe non só imaxes actuais, senón tamén fotografías históricas, o que permitirá o emprego da “fotografía comparativa”, unha técnica habitual en estudos paisaxísticos, consistente na confrontación de imaxes históricas (fotografías, pinturas, gráficos, etc.) coa vista actual para analizar as transformacións da paisaxe.
- A valoración da paisaxe co fin de identificar lugares de especial interese a protexer ou ámbitos degradados nos que levar a cabo actuacións de recuperación e mellora.
- A caracterización da paisaxe, xa que o usuario pode indicar o principal valor que, na súa opinión, posúe a paisaxe representada na fotografía (natural, ecolóxico, cultural, patrimonial, perceptivo, panorámico ou de uso). A partir destes datos poderá analizarse o carácter e os valores paisaxísticos de cada unidade de paisaxe, de xeito similar á análise de valores paisaxísticos por tipo de paisaxe realizada no Catálogo das Paisaxes de Galicia, o cal resulta fundamental para determinar a forma en que debe ser xestionada a paisaxe.
Deste xeito, as achegas da cidadanía contribuirán a unha mellor gobernanza da paisaxe, facendo participe á sociedade na elaboración e revisión dos instrumentos de protección, xestión e planificación da paisaxe establecidos na Lei de protección da paisaxe de Galicia.
A importancia deste sistema e da información achegada polos cidadáns deriva da propia definición de paisaxe, establecida no Convenio Europeo da Paisaxe como “unha parte do territorio tal e como é percibida pola poboación”. En resumo, trátase non só dun repositorio gráfico sobre paisaxe, senón dun sistema que proporcionará datos para a análise da evolución histórica e o seguimento das dinámicas paisaxísticas actuais, achegando información de gran relevancia para a xestión e planificación da paisaxe. Todo isto incorporando a valoración e a percepción da paisaxe por parte da sociedade, tal e como se establece no Convenio Europeo da Paisaxe.