Como anticipo deste proxecto acábase de incorporar aos visores de información xeográfica unha nova capa de fondo coas ortofotografías das principais cidades galegas. Estas imaxes súmanse á información xeográfica histórica xeorreferenciada que, como a Carta Xeométrica de Galicia ou o voo do ano 56, o Instituto está poñendo nestes últimos anos a disposición dos cidadáns e Administracións Públicas que a poidan necesitar.
A pesares de que a xeración das ortofotografías de voos tan antigos como este da serie A resulta un proceso lento e difícil por causa da falla de calidade das imaxes empregadas ou de datos técnicos dos mesmos, estase a realizar un grande esforzo para ir incorporando este tipo de información debido ao seu gran valor en estudos e análises como poden ser os de cambios en zonas artificiais ou urbanas, as dinámicas fluviais e hidrográficas, a evolución das repoboacións e superficies de cultivo, e as variacións producidas en ámbitos mineiros, canteiras ou grandes infraestruturas.