Actualización da información xeográfica dispoñible no Visor de Descargas de cartografía coa incorporación da nova Base Topográfica BTG10

Incorpórase a nova Base Topográfica de Galicia (BTG10) no visor de descargas, incorporada como mapa de fondo no visor básico.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de incorporar ao centro de descargas distintos arquivos da nova base topográfica de Galicia. Na elaboración desta información procurouse a maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos mediante a integración de datos de elaboración propia con información producida por diferentes organismos (IGN, Catastro, AXI, Augas de Galicia, deputacións...), asegurando unha produción sostible mediante a redución de custes e duplicidades e a xeración de sinerxías e proxectos colaborativos entre administracións.

Deste xeito, ponse a disposición a través da web a información correspondente a dous produtos: o Mapa topográfico de Galicia 10.000 (MTG10), composto por 4.089 mapas en formato PDF segundo a distribución normalizada de follas para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e tamén a propia Base Topográfica de Galicia 10.000 (BTG10), en formato SIX para poder ser empregada mediante ferramentas propias de xestión e análise de información xeográfica. Asemade esta información tamén está dispoñible a nivel de concello, co que se pode obter dita información en formato PDF e formato SIX coa distribución dos 313 concellos de Galicia.

A última actualización levouse a cabo durante o ano 2019 e 2020 a partires da información xeográfica de referencia máis actualizada e dispoñible: as ortofotografías do ano 2017 e a información LIDAR dos anos 2015 e 2016. En concreto, levouse a cabo:

  • A revisión e mellora xeométrica da totalidade da rede hidrográfica.
  • Revisión e mellora posicional de máis de 1,5 millóns de edificacións e incorporación de 33.465 edificacións lixeiras.
  • Actualización e edición da rede de transporte e incorporación de 1.260 Km de estradas, pistas e camiños.
  • Incorporación de preto de 17.575 km de liñas de media tensión.
  • Revisión dos espazos dotacionais e equipamentos.
  • Incorporación de novas curvas de nivel, puntos de cotas e sombreados xerados a partires dun novo Modelo Dixital do Terreo obtido a partir do voo LIDAR.
  • Revisión da xeolocalización das entidades de poboación.
  • Edición de 341 áreas empresariais e de 129 portos de competencia autonómica e estatal.

Deste xeito avanzase no obxectivo da posta a disposición de información xeográfica dixital en distintos formatos para que sexa facilmente accesible aos distintos usuarios.

Galería de imaxes
Visor de Descargas de cartografía
Visor de Descargas de cartografía
Visor de Descargas de cartografía