Publicada nova web de acceso ao proxecto de imaxes e nubes de puntos de alta resolución

A nova web, https://pnoa10galicia.xunta.gal, permite acceder aos visores dos concellos.

O Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, vén de publicar unha nova web de acceso ao proxecto PNOA 10_Galicia (ortofotos de moi alta resolución-trueortos). O obxectivo da nova web é optimizar a utilidade da información xeográfica como servizo público.

A web aporta información básica sobre o proxecto e ao mesmo tempo permite o acceso ao visor coa información das ortofotos e as nubes de puntos dos concellos que participaron no proxecto durante os anos 2018 (Cambre, Carballo, Lugo, Oleiros, Pontevedra e Sanxenxo) e 2019 (Ames, Betanzos, Fene e Teo).

O proxecto PNOA 10_Galicia e o primeiro destas características que se leva a cabo en España mediante a colaboración entre Administración autonómica e local e que se enmarca no prestixioso Plan Nacional de Observación do Territorio, programa recoñecido polas Nacións Unidas co premio ao Servizo Público. Dende o IET orientouse este plan á Administración local galega co fin de que puidese dar resposta, de xeito voluntario, colaborativo e optimizando os recursos dispoñibles, ás demandas existentes dende o eido local de imaxes aéreas cun alto nivel de detalle.

O PNOA10_Galicia é un proxecto con vocación de futuro. De feito, a intención do IET é seguir a desenvolvelo sempre que exista un número mínimo de concellos interesados en participar na iniciativa.

Galería de imaxes
Publicada nova web de acceso ao proxecto de imaxes e nubes de puntos de alta resolución
Publicada nova web de acceso ao proxecto de imaxes e nubes de puntos de alta resolución