Coberturas e usos do solo

Co termo SIOSE referímonos ao Sistema de Información sobre Ocupación del Suelo de España, integrado dentro do Plan Nacional de Observación del Territorio (PNOT). O obxectivo fundamental deste proxecto é o de xerar unha base de información xeoespacial que satisfaga as necesidades e requirimentos da UE, Administración General del Estado e das comunidades autónomas en materia de ocupación do solo.

A base do SIOSE está composta polas cubertas física e biolóxica da superficie terrestre incluídas as superficies artificiais, as zonas agrarias, os bosques, as zonas naturais ou seminaturais, os humidais ou as láminas de auga. Inclúe tamén o uso do solo, como caracterización do territorio, de acordo coa súa dimensión funcional ou a súa dedicación socioeconómica actual ou futura planificadas. De acordo co correspondente marco normativo de aplicación, considerarase tanto a clasificación e categorización urbanística como os diferentes réximes de utilización do solo en canto a usos (por exemplo, residencial, industrial, comercial, agrario, forestal, recreativo) e intensidades de uso.

A modificación da cobertura do solo supón a alteración máis importante do medio causada polo home. A análise da extensión e distribución espacial do uso do solo, así como a cuantificación dos cambios de uso que se produciron no pasado, é fundamental para estimar o impacto de ditos cambios. Por este motivo, o coñecemento da evolución do uso ou cobertura do solo é imprescindible para numerosos estudios ambientais e de ordenación do territorio, dado que estes cambios afectan significativamente a aspectos cruciais do ecosistema terrestre e teñen repercusión en aspectos tan diversos como o abastecemento de comida, a saúde humana, os riscos naturais, os riscos de pragas, a calidade do aire, a regulación do clima, a biodiversidade, a calidade do solo ou os recursos hidrolóxicos. Por outra parte, a cartografía de ocupación do solo é unha información básica para a ordenación do territorio e o planeamento urbanístico, pois é esencial coñecer a situación presente para poder establecer un plan axeitado de transformación do territorio, así como para a obtención de indicadores de sostibilidade ambiental.

Durante o 2019 elaborouse por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un mapa de usos e coberturas de alta resolución a escala 1/5.000 para todos os concellos do POL, co fin de que este puidera actuar como proxecto de referencia para estender esta metodoloxía a toda Galicia en anos sucesivos.

O total do proxecto SIOSE_5 k 2017 comprendeu 82 concellos da costa galega, o que supón unha superficie de 5.269,9 Km2 e 4.297.691 de polígonos:

  • Unidade mínima cartografiable: a parcela catastral. En zonas non urbanas, 3.000 m2.
  • Prioridade nos 2 primeiros Km de costa.
  • Prioridade en zona urbana, seguida de agrícola e despois forestal.
  • Actualización ao ano de referencia 2017, segundo imaxe PNOA de máxima actualidade.
  • Coberturas puras, é dicir, de maneira que cada polígono teña unha única clase SIOSE: correspóndese por tanto cunha área cuxa cobertura poida ser considerada como homoxénea e claramente diferenciable das unidades que a circundan.

A escala cartográfica de traballo foi 1:5.000, aínda que se incorporaron para a xeración do produto final outros datos compatibles co modelo producidos a escalas maiores (1:1.000, 1:2.000).

Preséntase a continuación a listaxe definitiva de coberturas do chan de SIOSE5K_2017, así como o de atributos asociados. Nótese que algunhas coberturas teñen condicións especiais de asignación, así como que a aplicación de atributos restrínxese a clases específicas segundo a súa natureza.

ID COBERTURA DESCRICIÓN ETIQUETA
101 Edificación EDF
102 Zona verde artificial e arbolado urbano ZAU
105 Piscina PSC
106 Balsas e estanques BET
107 Redes de transporte terrestre RTT
110 Construcións deportivas DEP
111 Outras construcións OCT
121 Solo non edificado SNE
131 Zonas de extracción ou vertedura ZEV
122 Zona aberta ZAB
219 Cultivos herbáceos e prados CHP
222 Frutais cítricos LFC
223 Frutais non cítricos LFN
224 Frutais de cáscara LFS
231 Viñedo LVI
232 Oliveiral LOL
241 Outros cultivos permanentes LOC
251 Viñedo - oliveiral CVO
252 Viñedo - frutais non cítricos CVF
253 Viñedo - frutais de cáscara CFV
254 Viñedo - frutais non cítricos CCV
255 Oliveiral - frutais de cáscara CFL
256 Oliveiral - frutais non cítricos COF
257 Oliveiral - frutais cítricos COC
258 Frutais cítricos - frutais non cítricos CCF
259 Frutais cítricos - frutais de cáscara CCS
260 Frutais non cítricos - frutais de cáscara CCF
280 Horta HUE
300 Pastizal PST
301 Pastizal - matogueira PMT
302 Pasto arbolado PPA
312 Frondosas caducifolias FDC
313 Frondosas perennifolias FDP
316 Coníferas CNF
317 Bosque mixto BCF
320 Matogueira MTR
330 Terreos con escasa ou nula vexetación TEV
331 Praias, dunas e areais PDA
351 Acantilados mariños ACM
352 Afloramentos rochosos e rochedos ARR

 

Así pois, este proxecto pioneiro na procura da Alta Resolución (tanto a nivel xeométrico como temático) do cartografado da ocupación do chan; resultou nun produto de gran calidade, actualizado e adaptado aos requirimentos do IET nunha área cunha alta diversidade e complexidade de coberturas como é a costa galega.