Relevo

O LiDAR é un sistema que permite obter nubes de puntos do terreo. As nubes de puntos LiDAR formúlanse como un complemento perfecto á fotogrametría na monitorización do territorio. De cada un dos máis de 15.000 millóns de puntos LiDAR tomados en Galicia durante os voos dos anos 2015 (zona oeste) e 2016 (zona leste), obtivéronse coordenadas X, Y, Z que requiriron ser corrixidas e clasificadas para poder empregarse en aplicacións como a obtención de Modelos Dixitais do Terreo e de Superficies (con edificios e vexetación), estudos de zonas inundables, detección automática de edificacións, control da Política Agrícola Comunitaria PAC ou estudos de visibilidade, entre outras moitas, e, como consecuencia destas utilidades, para poder incrementar a calidade dos servizos cartográficos que presta o IET para toda a Xunta de Galicia, outras Administracións, empresas e a cidadanía en xeral.

Os arquivos da clasificación manual da nube de puntos correspondente ás clases terreo, edificación e vexetación, están dispoñibles desde o visor de descargas. Trátase de 8.106 novos arquivos que almacenan uns 1,2 terabytes de información. Tanto polo incremento da calidade dos datos orixinais como polo exhaustivo tratamento dos mesmos, o resultado obtido supón unha mellora moi considerable duns modelos dixitais previos, e que permitiu o seu uso na dixitalización da nova rede hidrográfica ou na elaboración dos modelos empregados na cartografía dos Plans Básicos Municipais. Toda a información derivada deste produto está posta a disposición de todos os cidadáns desde o visor de descargas.

Outra captura destacada de datos LiDAR corresponderíase coa cobertura LiDAR nos concellos de costa efectuada durante o ano 2019.