Mantendo o espírito inicial por conseguir a necesaria homoxeneidade da cartografía oficial española a grandes escalas, a Comisión Especializada de Normas Xeográficas definiu un produto virtual chamado Base topográfica armonizada (BTA) como resultado da harmonización dos diferentes modelos existentes para a produción das bases topográficas. As achegas para a definición da BTA fixéronse por parte de comunidades autónomas, deputacións forais e a Administración xeral do Estado. Este modelo fai posible o intercambio de información xeográfica dixital producida en diferentes ámbitos da Administración, a súa integración e interoperabilidade.
Por unha banda, o Instituto Xeográfico Nacional definiu un complemento á BTA denominado BTA+, que permitirá actualizar a súa base topográfica a partir da cartografía 1:5.000 xerada segundo o modelo da BTA.
A partires dos modelos da BTA, as definicións BTA+ e as achegas propias, resultado das necesidades específicas da Administración autonómica, definiuse a Base topográfica de Galicia (BTG), que é, polo tanto, un conxunto de datos vectoriais de carácter topográfico a escala 1:5.000 para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Por outra banda, acordáronse outras especificacións técnicas denominadas Base topográfica urbana (BTU), que permiten a xeración da cartografía topográfica a escalas 1:500, 1:1.000 e 1:2.000 nas distintas comunidades autónomas, deputacións forais ou na Administración xeral do Estado para facer posible o intercambio de información xeográfica dixital, a súa integración e interoperabilidade.
O propósito destas dúas especificacións é que a cada produtor de datos lle sexa posible producir ou converter a súa información orixinal ao modelo de datos aquí definido, de modo automático e cun traballo interactivo mínimo e residual. Tamén se desexa que estas especificacións sexan de referencia na produción da nova cartografía para o uso en Sistemas de Información Xeográfica.