Ponse en marcha un novo Centro de Descargas da Información Xeográfica de Galicia máis fácil de usar e que multiplica a información dispoñible

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio e en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, vén de publicar unha nova aplicación web do Centro de Descargas de Información Xeográfica da IDEG.

Este novo compoñente da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia é un elemento esencial para a reutilización da información do sector público, xa que está orientado tanto á descarga de mapas como de ficheiros xeorreferenciados en diferentes formatos a través de Internet. Nesta aplicación increméntanse en 225.298 os arquivos de información postos a disposición da poboación, pasando dos 46.945 arquivos existentes na versión anterior (que supoñían 1,1 Terabytes de información) a 272.243 arquivos (3,2 Terabytes), o que supón multiplicar por máis de cinco a información dispoñible ata o momento. 

Con esta nova versión do centro de descargas de información xeográfica trátase de acadar un tripe obxectivo:

  • Facilitar o uso da web por calquera cidadán
  • Aumentar a información dispoñible
  • Facilitar o emprego desta información por profesionais mediante a incorporación da información en distintos formatos

Trátase dunha aplicación máis amigable grazas á incorporación dun novo visor xeográfico no que o usuario pode buscar un ámbito territorial determinado mediante procuras por topónimo, coordenadas ou códigos catastrais. Ademais, a través de diferentes mallas de descarga pódese acceder a un numeroso número de ficheiros con información xeográfica da comunidade autónoma.

A incorporación de miles de novos ficheiros con contido xeográfico permite actualmente o acceso e o uso público dun total de 272.243 ficheiros, entre series cartográficas en PDF (a escalas 250.000, 100.000 e 5.000), ortofotografías aéreas de distintos anos, mapas de usos e ocupación do solo en formato shapefile, ficheiros en formato raster e ficheiros de datos LIDAR.

Como novidade incorpóranse ao centro de descargas: a cobertura completa de Galicia do Sistema de Ocupación do Solo dos anos 2005, 2009 e 2011, así como o mapa de uso do solo do ano 2000; todas as coberturas de ortofotografía aérea dos anos 2004-05, 2006-07, 2008, 2009, 2010, 2011 e 2014 en formato ecw, é dicir, nun formato útil para análises e tratamentos dixitais; información completa de toda Galicia en formato raster xeorreferenciado sobre alturas de obxectos, pendente do terreo, insolación e Modelos Dixitais do Terreo (modelos en tres dimensións da superficie terrestre); e datos LIDAR (láser aerotransportado) xa clasificados, que permiten obter modelos en tres dimensións tanto do terreo como dos obxectos situados sobre o mesmo. 

Tamén cabe destacar unha nova serie 1:5.000 de toda Galicia do mapa de insolación de horas de sol teóricas para o ceo despexado, tendo en conta as relacións terra-sol e os parámetros topográficos de orientacións de ladeiras, pendentes e altitudes obtidos a partir da información LIDAR.

Esta nova aplicación supón un impulso á difusión simplificada e con alta calidade de información xeográfica, a través dunha plataforma amigable e fácil de usar que permite buscar a información segundo a necesidade do usuario, tanto de temática da información como de ámbito xeográfico. Esta plataforma poderá incrementar o número de ficheiros a descargar dun xeito sinxelo e permitirá ao Instituto de Estudos do Territorio e a outros departamentos da Xunta de Galicia poñer a disposición da cidadanía a información xeográfica segundo se vaia producindo, dun xeito sinxelo e rápido.

O obxectivo para o futuro é continuar incrementando a información dispoñible no visor de descargas de información xeográfica, tanto en contidos como en distintos formatos, facendo que esta poida ter un uso o máis amplo posible.