Este novo compoñente da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia é un elemento esencial para a reutilización da información do sector público, xa que está orientado tanto á descarga de mapas como de ficheiros xeorreferenciados en diferentes formatos a través de Internet. Nesta aplicación increméntanse en 225.298 os arquivos de información postos a disposición da poboación, pasando dos 46.945 arquivos existentes na versión anterior (que supoñían 1,1 Terabytes de información) a 272.243 arquivos (3,2 Terabytes), o que supón multiplicar por máis de cinco a información dispoñible ata o momento.
Con esta nova versión do centro de descargas de información xeográfica trátase de acadar un tripe obxectivo:
- Facilitar o uso da web por calquera cidadán
- Aumentar a información dispoñible
- Facilitar o emprego desta información por profesionais mediante a incorporación da información en distintos formatos
Trátase dunha aplicación máis amigable grazas á incorporación dun novo visor xeográfico no que o usuario pode buscar un ámbito territorial determinado mediante procuras por topónimo, coordenadas ou códigos catastrais. Ademais, a través de diferentes mallas de descarga pódese acceder a un numeroso número de ficheiros con información xeográfica da comunidade autónoma.
A incorporación de miles de novos ficheiros con contido xeográfico permite actualmente o acceso e o uso público dun total de 272.243 ficheiros, entre series cartográficas en PDF (a escalas 250.000, 100.000 e 5.000), ortofotografías aéreas de distintos anos, mapas de usos e ocupación do solo en formato shapefile, ficheiros en formato raster e ficheiros de datos LIDAR.
Como novidade incorpóranse ao centro de descargas: a cobertura completa de Galicia do Sistema de Ocupación do Solo dos anos 2005, 2009 e 2011, así como o mapa de uso do solo do ano 2000; todas as coberturas de ortofotografía aérea dos anos 2004-05, 2006-07, 2008, 2009, 2010, 2011 e 2014 en formato ecw, é dicir, nun formato útil para análises e tratamentos dixitais; información completa de toda Galicia en formato raster xeorreferenciado sobre alturas de obxectos, pendente do terreo, insolación e Modelos Dixitais do Terreo (modelos en tres dimensións da superficie terrestre); e datos LIDAR (láser aerotransportado) xa clasificados, que permiten obter modelos en tres dimensións tanto do terreo como dos obxectos situados sobre o mesmo.
Tamén cabe destacar unha nova serie 1:5.000 de toda Galicia do mapa de insolación de horas de sol teóricas para o ceo despexado, tendo en conta as relacións terra-sol e os parámetros topográficos de orientacións de ladeiras, pendentes e altitudes obtidos a partir da información LIDAR.
Esta nova aplicación supón un impulso á difusión simplificada e con alta calidade de información xeográfica, a través dunha plataforma amigable e fácil de usar que permite buscar a información segundo a necesidade do usuario, tanto de temática da información como de ámbito xeográfico. Esta plataforma poderá incrementar o número de ficheiros a descargar dun xeito sinxelo e permitirá ao Instituto de Estudos do Territorio e a outros departamentos da Xunta de Galicia poñer a disposición da cidadanía a información xeográfica segundo se vaia producindo, dun xeito sinxelo e rápido.
O obxectivo para o futuro é continuar incrementando a información dispoñible no visor de descargas de información xeográfica, tanto en contidos como en distintos formatos, facendo que esta poida ter un uso o máis amplo posible.