Publicado un novo visor xeográfico para notificar achegas sobre a Base Topográfica de Galicia

Ponse en marcha dentro da plataforma do Sistema de Información Xeográfica corporativa, o visor xeográfico para enviar achegas cartográficas.

O Instituto de Estudos do Territorio co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon a disposición unha nova ferramenta para que se poidan enviar achegas ou posibles erros sobre a Base Topográfica de Galicia 2020.

O obxectivo é dispoñer dunha ferramenta para que todas as persoas poidan achegar información, facer achegas ou comunicar os posibles erros advertidos na cartografía publicada polo Instituto de Estudos do Territorio.

A recentemente publicada Base Topográfica de Galicia (BTG2020) ten milleiros de elementos (rede hidrográfica, rede de autoestradas, estradas, pistas e camiños, edificacións, curvas de nivel e puntos de cotas, entidades de poboación e nomes xeográficos entre outros) nos que poden existir omisións, imprecisións ou incluso erros. Para levar a cabo a actualización e mantemento da información é importante dispor de información actualizada sobre o terreo e todos nós podemos ser xeradores desta información como sensores activos sobre o territorio e colaborar na súa mellora.

A ferramenta atópase dispoñible na seguinte ligazón onde dunha maneira sinxela podemos facer unha notificación sobre as distintas entidades da información xeográfica.

Galería de imaxes
Publicado un novo visor xeográfico para notificar achegas sobre a Base Topográfica de Galicia
Publicado un novo visor xeográfico para notificar achegas sobre a Base Topográfica de Galicia