O Instituto de Estudos do Territorio co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon a disposición unha nova ferramenta para que se poidan enviar achegas ou posibles erros sobre a Base Topográfica de Galicia 2020.
O obxectivo é dispoñer dunha ferramenta para que todas as persoas poidan achegar información, facer achegas ou comunicar os posibles erros advertidos na cartografía publicada polo Instituto de Estudos do Territorio.
A recentemente publicada Base Topográfica de Galicia (BTG2020) ten milleiros de elementos (rede hidrográfica, rede de autoestradas, estradas, pistas e camiños, edificacións, curvas de nivel e puntos de cotas, entidades de poboación e nomes xeográficos entre outros) nos que poden existir omisións, imprecisións ou incluso erros. Para levar a cabo a actualización e mantemento da información é importante dispor de información actualizada sobre o terreo e todos nós podemos ser xeradores desta información como sensores activos sobre o territorio e colaborar na súa mellora.
A ferramenta atópase dispoñible na seguinte ligazón onde dunha maneira sinxela podemos facer unha notificación sobre as distintas entidades da información xeográfica.