Axuda

Este xeoportal pon a disposición dos usuarios os datos xeográficos e os servizos interoperables de información xeográfica proporcionados polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público integrados no Sistema Cartográfico de Galicia, que é un modelo de actuación que persegue o exercicio eficaz das funcións públicas en materia de información xeográfica mediante a coordinación das actuacións dos operadores públicos autonómicos con competencias nesta materia.

O Instituto de Estudos do Territorio, como organismo principal de este sistema cartográfico, administra este xeoportal e planifica as actuacións para asegurar o acceso aos diferentes instrumentos que forman parte do sistema.

Outro compoñente principal do Sistema Cartográfico de Galicia é a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, regulada polo Decreto 172/2012, do 1 de agosto, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración pública de Galicia nas súas actuacións en materia de sistemas de información xeográfica, cartográfica e xeomática. Esta comisión está adscrita ao Instituto de Estudos do Territorio.

O Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, indica que a actividade cartográfica é unha vocación de servizo público, e que polo tanto, deberanse poñer á disposición da cidadanía os produtos de dita actividade, facilitando o seu acceso e utilizando para isto os soportes tecnolóxicos que mellor permitan a súa difusión e dispoñibilidade. Con este fin, promóvese que os datos espaciais sexan fáciles de obter, que se fagan públicas as condicións de adquisición e uso e que estean dispoñibles baixo condicións que non disuadan do uso extensivo.

Forman parte deste sistema os instrumentos que dan soporte técnico, científico e administrativo ás accións derivadas dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico, e que son os seguintes:

  • O Equipamento xeográfico de Galicia. É unha infraestrutura da Administración autonómica de Galicia integrada, pola súa vez, polas seguintes:
    • As redes xeodésicas activas e pasivas e de nivelacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
    • A toponimia oficial de Galicia, establecida polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, respecto das vías urbanas, polos concellos respectivos e de acordo co establecido nos artigos 23 e 24 do Real decreto 1545/2007.
    • As delimitacións territoriais establecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma de Galicia.
    • Situación xeográfica das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, contida no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.
  • O Plan galego de cartografía e información xeográfica. É o instrumento básico da planificación da produción da cartografía da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como do uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio de Galicia, e ten como finalidade garantir a coherencia e a interoperabilidade dos datos espaciais, favorecer a eficiencia no gasto público e asegurar a calidade da produción cartográfica e a súa utilidade como servizo público.
  • O Rexistro de Cartografía de Galicia. Adscrito ao Instituto de Estudos do Territorio, é o instrumento  que garante a fiabilidade e interoperabilidade da información cartográfica e xeográfica da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • O Sistema de información territorial de Galicia (SITGA). Configúrase como o instrumento tecnolóxico utilizado para a organización e xestión da cartografía e a información xeográfica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Está composto polos sistemas de información xeográfica e bases de datos xeorreferenciadas de todos os órganos da Administración autonómica de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo das competencias do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma nesta materia.
  • A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG). A IDEG está conectada telematicamente coas restantes infraestruturas de información xeográfica de ámbito local, nacional ou europeo que conteñen información xeográfica sobre o territorio de Galicia seguindo as directrices estatais e europeas. Os xeoportais de todos os nodos integrados na IDEG están enlazados a este nodo principal mediante procedementos de conexión entre os seus catálogos de metadatos co fin de asegurar a actualización continua da información dispoñible.
  • A Cartoteca de Galicia. Ten a finalidade de recoller, conservar, preservar e difundir documentación xeográfica e cartográfica referida ao territorio de Galicia, organizándoa, catalogándoa e custodiándoa para facela accesible ás persoas usuarias. Constará de todo tipo de mapas, planos, fotografías e calquera tipo de documentos xeorreferenciados de diversas épocas, así como de arquivos dixitais relacionados con estas materias.

En resumo, este portal é a referencia para acceder aos visores, ao catálogo, á consulta e á descarga da información xeográfica e cartografía da Xunta de Galicia, pero tamén recolle a doutras administracións e organismos de Galicia como as deputuacións e concellos,  para que dende un único lugar todos estes conxuntos de datos podan ser accesibles doadamente por parte da cidadanía, empresas  e outras administracións. Ademais,  serve de acceso á Cartoteca e ao Rexistro de Cartografía de Galicia.
 

  • Servizos de localización que posibiliten a busca de conxuntos de datos xeográficos e servizos de información xeográfica relacionados con eles, partindo do contido dos metadatos correspondentes, e que amosen o seu contido.
  • Servizos de visualización que permitan, como mínimo, amosar, navegar, achegarse ou afastarse para concretar ou ampliar o campo de visión, moverse ou superpoñer os datos xeográficos, así como mostrar os signos convencionais e, opcionalmente, consultar os atributos dos datos xeográficos. Deberá ser posible acceder a estes servizos de visualización directamente desde servizos de localización.
  • Servizos de descarga que permitan xerar copias de datos xeográficos ou partes deles e, cando sexa posible, acceder directamente ao seu contido para construír servizos de valor engadido ou integralos na lóxica de aplicacións de usuario.
  • Servizos de transformación que permitan adaptar os datos xeográficos para garantir a súa interoperabilidade.
  • Servizos de provisión de acceso aos servizos anteriores.
  • Xeoportal: é o sitio da Internet ou equivalente que proporciona accesos a servizos interoperables de información xeográfica de varios órganos, organismos ou entidades dunha ou varias administracións públicas e incorpora, polo menos, un servizo que permita buscar e coñecer os datos e servizos xeográficos accesibles a través del.
  • Servizo de información xeográfica: é a operación ou conxunto de operacións que poden efectuarse, a través dunha aplicación informática, sobre datos xeográficos ou os seus metadatos.
  • Metadato: é a información que describe os conxuntos de datos xeográficos e os servizos de información xeográfica e que fai posible localizalos, inventarialos e utilizalos.
  • Nodo de infraestrutura de información xeográfica: é un conxunto de servizos interoperables de información xeográfica accesibles, a través da Internet, pola acción dun órgano, organismo ou entidade das administracións públicas.

Tal e como se recolle no Plan Cartográfico de Galicia, a licenza de uso por defecto dos datos xeográficos deste xeoportal e que non fan referencia a outro tipo de licenza de uso nos seus metadatos ou nas capacidades dos seus servizos é a seguinte:

  1. Sen prexuízo do disposto no marco normativo legal sobre a Propiedade Intelectual en España, a Xunta de Galicia ostenta a propiedade intelectual e todos os dereitos sobre a información xeográfica xerada polos diferentes departamentos e organismos e sobre os servizos propios que utilicen esa información xeográfica e sexan prestados pola Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG). 
    O uso da información dos produtos deste xeoportal, así como os seus derivados, leva a aceptación implícita polo usuario das condicións da licenza de uso particular de cada produto, compatible con Creative Commons Attribution International “CC-BY 4.0 INT”.
  2. A dita licenza ampara o uso libre e gratuíto para calquera propósito lexítimo, sendo a única estrita obrigación a de recoñecer e mencionar a orixe e propiedade dos produtos e servizos de información xeográfica, segundo se indica a continuación.

Condicións de licenza de uso da información xeográfica dixital xerada polos departamentos e organismos da Xunta de Galicia:

  1. A licenza de uso baixo a que se distribúe este ficheiro de información xeográfica ampara o uso comercial e non comercial, a reutilización, a redistribución, a modificación e a xeración de produtos e servizos de valor engadido a partir dos produtos e servizos de datos xeográficos dixitais da Xunta de Galicia.
  2. O usuario titular da licenza comprométese a citar ao departamento ou organismo mediante a fórmula: «Cartografía cedida por © [departamento ou organismo]. Xunta de Galicia» como orixe e propietario da información xeográfica fornecida ante calquera exhibición ou difusión dela, ou de parte dela ou de calquera produto que, aínda sendo de forma parcial, incorpórea ou derive dela. 
  3. Esta licenza, non supón a concesión de ningún tipo de exclusividade, aval ou patrocinio, nin responsabilidade algunha da Xunta de Galicia sobre o uso derivado dos datos xeográficos.
     

Ligazóns relacionadas