O Plan galego de cartografía e información xeográfica é o instrumento básico da planificación da produción da cartografía da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como do uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio de Galicia, e ten como finalidade garantir a coherencia e a interoperabilidade dos datos espaciais, favorecer a eficiencia no gasto público e asegurar a calidade da produción cartográfica e a súa utilidade como servizo público.
O Plan galego de cartografía e información xeográfica ten por obxecto a determinación dos obxectivos e a coordinación das actividades cartográficas, a constitución e mellora permanente da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e o aproveitamento e coordinación desta información coas políticas públicas sectoriais con proxección territorial.
O Plan galego de cartografía e información xeográfica ten como ámbito de aplicación todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e terá unha vixencia de catro anos, terá carácter indicativo e orientador, e recollerá o seguinte contido mínimo:
- Xustificación e marco normativo.
- Antecedentes e situación da cartografía en Galicia no momento de elaboración do plan.
- Análise da cartografía oficial dispoñible e do seu nivel de calidade e actualidade.
- Obxectivos e necesidades que se pretenden cubrir en materia cartográfica para o período de vixencia do plan, a cuxa satisfacción deberán orientarse os proxectos de produción e actualización da cartografía oficial.
- As liñas de actuación e actividades cartográficas que se desenvolvan.
- A coordinación e adecuación ao Plan cartográfico nacional.
- Recoller os criterios de divulgación e acceso á información contidos na normativa vixente, incluíndo a política de datos aplicable á difusión e accesibilidade da cartografía e información xeográfica producida ao amparo do plan, así como os servizos de información e o sistema de protección de dereitos.
- Os criterios orientativos para a elaboración das normas técnicas de produción da cartografía oficial de Galicia.
- Definición do catálogo de conxunto de datos xeográficos necesarios para o correcto funcionamiento do sistema de información corporativo.
- As bases xerais de actuación para programar, financiar con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e executar actividades coordinadas no seo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e entidades instrumentais do sector público.
De conformidade co previsto na Disposición adicional segunda do Decreto 14/2017, de 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da cartografía e información xeográfica deberase redactar un Plan Galego de cartografía e Información Xeográfica (PGCIX) que será aprobado no prazo dun ano desde a entrada en vigor do decreto.
Neste sentido, calquer programa que inclúa financiación destinada á produción cartográfica non poderá contradecir os obxectivos do Plan galego de cartografía e información xeográfica, salvo razóns de urxencia e sen prexuízo do establecido no artigo 15.
Este plan procurará convertir a cartografía nun instrumento fundamental para solucionar a falta de información e a súa coordinación á hora de obtela. Procurará atender ás necesidades de cada departamento e coordinarase coa Administración General do Estado.