A Cartoteca de Galicia adscríbese ao Instituto de Estudos do Territorio e ten como finalidade a de recoller, conservar, preservar e difundir documentación xeográfica e cartográfica referida ao territorio de Galicia, organizándoa, catalogándoa e custodiándoa para facela accesible ás persoas usuarias. Consta de todo tipo de mapas, planos, fotografías e calquera tipo de documentos xeorreferenciados de diversas épocas, así como de arquivos dixitais relacionados con estas materias.
Os fondos da Cartoteca de Galicia nútrense mediante:
- A produción de cartografía realizada polo Instituto de Estudos do Territorio en calquera formato, así como a documentación técnica xerada por este que se considere de interese xeral.
- Un exemplar da cartografía e da información xeográfica xeorreferenciada que teña a consideración de cartografía oficial rexistrada.
- Un exemplar de todos os libros relacionados co territorio que sexan propiedade ou fosen publicados pola Administración xeral e entidades instrumentais do sector público autonómico.
- Un exemplar de todos os mapas, planos, fotografías, ortofotos e todo tipo de documentación territorial que estean en poder ou produzan os distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico.
Estes fondos recompílanse en dous soportes diferentes, dixital e físico. Mediante esta páxina do portal da información Xeográfica de Galicia, darase acceso nos vindeiros meses a todos aqueles datos en soporte dixital para os que se vaian xerando os servizos de visualización, consulta ou descarga.
Pódese acceder á Cartoteca de Galicia na seguinte ligazón.
A continuación, inclúense ligazóns de interese a outros fondos de consulta relacionados.