O Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) arrincou no ano 2000, impulsado pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e coordinando os seus traballos co SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia). No proxecto participaron todas as consellerías, concellos, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes e outras entidades. Nalgúns casos, as colaboracións proveñen de persoas que, pola súa conta e por interese persoal ou profesional, decidiron recoller os nomes da súa parroquia coa metodoloxía deseñada e aplicada polo PTG.
Os obxectivos do proxecto son recoller toda a toponimia galega, tanto a referida a entidades de poboación como a outras realidades xeográficas (nomes de terras, fontes, regueiros, cruceiros, cons, areais...), fixarlle unha forma escrita e situala cartograficamente. Como pano de fondo, é motivación básica do PTG salvagardar un riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado.
A información sobre toponimia xerada polo PTG non está baseada nunha simple listaxe de milleiros de nomes clasificados por concellos e parroquias e encadrados nunhas determinadas tipoloxías xeográficas. A utilización de técnicas cartográficas avanzadas, así como o aproveitamento das tecnoloxías de divulgación en rede, permiten que esa información teña aplicación práctica para organismos públicos, entidades privadas e particulares que xestionan o territorio ou investigan sobre el (elaboración de cartografía, xestión de emerxencias, planeamento urbanístico, estudos filolóxicos ou antropolóxicos...). Por outra banda, a información está disposta de xeito que permitirá no futuro a integración das bases toponímicas galegas en niveis de información superiores a nivel estatal e europeo.