A Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) integra todos os datos xeográficos e os servizos interoperables de información xeográfica proporcionados polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público e están dispoñibles mediante este xeoportal.
IDEG xurde como resposta á Directiva 2007/2/CE, do 14 de marzo de 2007, pola que se establece unha infraestrutura de información espacial na Comunidade Europea (INSPIRE). Na IDEG reúnense, trátanse e intégranse datos, metadatos e servizos vinculados a Galicia susceptibles de ser localizados xeograficamente. Proceden de diferentes fontes de información, nodos e xeoportais, e abarcan tipos, formatos, ámbitos, escalas e orixes moi diversas.
O Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio establece como determinacións excluíntes 10.1.20 e 10.1.21, previstas no artigo 9 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, para a aplicación, desenvolvemento e revisión das directrices de ordenación do territorio, a formulación e execución a través da Comisión de Coordinación dos Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, do Plan Cartográfico de Galicia, como instrumento para planificar dunha maneira coordinada a produción, o uso e a difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio galego, coa finalidade de garantir a coherencia e interoperabilidade dos datos espaciais, así como o establecemento e actualización da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) que garanta o almacenamento, a dispoñibilidade e o mantemento dos datos espaciais.
A información contida na Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) xestiónase de forma integrada polo Instituto de Estudos do Territorio e, de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 14/2010, do 5 xullo, proporciona ás persoas usuarias o acceso, polo menos, aos seguintes servizos interoperables:
- Servizos de localización que posibiliten a procura de conxuntos de datos xeográficos e servizos de información xeográfica relacionados con eles, partindo do contido dos metadatos correspondentes, e que mostren o seu contido.
- Servizos de visualización que permitan, como mínimo, mostrar, navegar, achegarse ou afastarse para concretar ou ampliar o campo de visión, moverse ou superpoñer os datos xeográficos, así como mostrar os signos convencionais e, opcionalmente, consultar os atributos dos datos xeográficos. Deberá ser posible acceder a estes servizos de visualización directamente desde servizos de localización.
- Servizos de descarga que permitan xerar copias de datos xeográficos ou partes dos mesmos e, cando sexa posible, acceder directamente ao seu contido para construír servizos de valor engadido ou integralos na lóxica de aplicacións de usuario.
- Servizos de transformación, que permitan adaptar os datos xeográficos para garantir a súa interoperabilidade.
- Servizos de provisión de acceso aos servizos anteriores.
Documentos relacionados
Ligazóns relacionadas
Instituto de Estudos do Territorio
Rúa de Sán Lázaro, s/n, 15707
Santiago de Compostela - A Coruña