Rexistro de Cartografía de Galicia

O Rexistro de Cartografía de Galicia (RCG) créase mediante o Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, quedando adscrito ao Instituto de Estudos do Territorio. 

No Rexistro de Cartografía de Galicia debe ser obxecto de inscrición a cartografía producida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entida­des instrumentais do sector público autonómico no exercicio das súas competencias, tanto a básica topográfica, como a derivada; incluíndo as fotografías aéreas e imaxes espaciais que serviron de base para a súa realización, e as ortofotos e ortoimaxes correspondentes, salvagardando os intereses prioritarios da Defensa Nacional. Asemade, será obxecto de inscrición a cartografía temática producida en desenvolvemento do Plan galego de carto­grafía e información xeográfica, así como as delimitacións territoriais establecidas oficial­mente pola Comunidade Autónoma de Galicia e a toponimia oficial aprobada polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, polos concellos, así como os nomenclátores e topónimos xeorreferenciados oficiais non incluídos no Nomenclátor xeográfico básico de España. 

Poderá ser obxecto de inscrición a produción cartográfica realizada por outras admi­nistracións públicas e, singularmente, polas entidades que integran a Administración local. 

Poderán inscribirse, na sección de cartografía non oficial, os produtos e servizos car­tográficos realizados por persoas físicas ou xurídicas privadas para os seus propios fins, sempre que satisfagan os criterios técnicos de homologación que determine o Consello Superior Xeográfico. 

O Rexistro de Cartografía de Galicia estará conectado telematicamente co Rexistro Central de Cartografía, garantindo a súa homoxeneización. Como metadato en si mesmo considerado, estará dispoñible no catálogo do xeoportal da Infraestrutura de Datos Espaciais. 

O Rexistro de Cartografía de Galicia será público unha vez rematados os traballos para a súa implantación e recollerá, xunto coa identificación de cada serie cartográfica, a norma técnica de aplicación, os parámetros de calidade e as datas de referencia. A información deste rexistro estará dispoñible ao público a través da Internet, de conformidade coas previsións do texto refundido da Lei de propiedade intelec­tual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril. 

O Rexistro de Cartografía de Galicia organizarase en dúas seccións separadas: a oficial e a non oficial. Dentro de cada unha delas, os contidos clasificaranse por medio de catálogos de datos e servizos. 

Inscricións no Rexistro

Os procedementos de inscrición e modificación no Rexistro de Cartografía de Galicia veñen regulados polo establecido na Sección 2ª (artigos do 23 ao 35) do Decreto 14/2017 (DOG Núm 33 de 16 de febreiro de 2017).Tal e como se recolle no propio Decreto:

A solicitude de inscrición deberá presentarse conforme ao modelo recollido no anexo I e seguintes do DOG sinalado arriba, xunto coa documentación correspondente, e dirixirase ao Instituto de Estudos do Territorio. 

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do for­mulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.