En setembro de 2001, a Dirección Xeral de Medio Ambiente, a Axencia Europea Eurostat, e o Instituto para o Medio Ambiente e a Sustentabilidade, a través do seu Centro de Investigación Común (JRC), os tres dependentes da Comisión Europea, puxeron en marcha a iniciativa INSPIRE (Infraestructure for Spatial Information in Europe), con obxecto de:
- Poñer a disposición de órganos responsables da toma de decisións ou aplicación de políticas comunitarias (esencialmente de Medio Ambiente) datos espaciais abundantes e fiables.
- Establecer servizos integrados de Información Xeográfica, baseados nunha rede distribuída de bases de datos, enlazadas por normas comúns e protocolos que aseguren a interoperabilidade.
- Optimizar os datos dispoñibles mediante documentación da información espacial.
- Lograr a coherencia da información espacial entre diferentes niveis e temas.
- Crear servizos destinados a mellorar a accesibilidade e interoperabilidade dos datos e a eliminación de obstáculos para a súa utilización.
Para iso, en decembro de 2001 constituíuse un Grupo de Expertos de INSPIRE, integrado por dous representantes de cada Estado Membro da Unión Europea, un en representación do medio ambiente e o outro pola información xeográfica, observadores dos países EFTA, de países candidatos, das rexións, e das organizacións de ámbito europeo directamente relacionadas coa información xeográfica e ambiental.
Conforme aos principios que orientan a iniciativa INSPIRE, o Grupo de Expertos desenvolveu, mediante grupos de traballo, os «Position Papers» sobre:
- Datos de referencia e metadatos
- Datos temáticos
- Arquitectura e estándares
- Política de datos e asuntos legais
- Avaliación do impacto
que, unha vez aprobados polo Grupo de Expertos, serviron de base para preparar a proposta de Directiva Europea adoptada pola Comisión Europea o 23 de xullo de 2004.
Principios que orientan a iniciativa INSPIRE
- Os datos deben ser recollidos só unha vez e ser mantidos no nivel onde se logre máxima efectividade.
- Debe ser posible combinar Información Xeográfica con total continuidade para toda Europa desde fontes diversas, e compartila entre usuarios e aplicacións.
- Debe ser posible que a información recollida nun nivel sexa compartida por outros niveis.
- A Información Xeográfica debe ser abundante e dispoñible baixo condicións que non inhiban o seu uso extensivo.
- Debe ser fácil descubrir a Información Xeográfica dispoñible, e en que condicións pode conseguirse e usarse.
- Os datos xeográficos deben ser fáciles de entender e interpretar, e seleccionables amigablemente.
A partir dese momento iniciouse o Proceso de Codecisión entre Consello e Parlamento Europeos, conforme ao art. 251 do Tratado da CE, para acabar coa redacción final da Directiva INSPIRE no ano 2007.