A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través do Instituto de Estudos do Territorio coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de incorporar ao centro de descargas distintos arquivos da nova base topográfica de Galicia.
A nova Base Topográfica de Galicia a escala 1:10.000 está dispoñible en formato PDF e SHP. Ademais, para facilitar a súa descarga existe a posibilidade de efectuar a selección do marco de distribución das follas 1:5.000 (4.089 arquivos) ou seleccionando o ámbito territorial do concello (313 arquivos).
A información en formato PDF atópase simbolizada e maquetada, tanto a nivel de folla coma de Concellos para a escala de referencia e lista para ser impresa. Inclúese tamén un arquivo específico coa simboloxía da lenda.
Os datos dos arquivos en formato SHP reflíctense en proxección UTM29, no sistema de referenza ETRS89, e poden ser consumidos ou visualizados en aplicacións SIX (Sistemas de Información Xeográfica).
Deste xeito ponse a disposición toda a información en distintos formatos para que sexa facilmente accesible e adaptable ás necesidades dos distintos usuarios.
O obxectivo para o futuro é continuar poñendo a información actualizada no mesmo momento en que se revise e se incorporen novos cambios.