Dende o Instituto de Estudos do Territorio, e a pesar das dificultades propias do intre que estamos a vivir, acabamos de publicar a actualización do visor de aproveitamentos forestais de acordo co indicado na Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público.
Este visor serve de apoio á aplicación de xestión de tramitación de aproveitamentos forestais axilizando e reducindo os trámites que debería realizar o cidadán para a realización de cortas de madeira na súa propiedade ao reducir a unha simple declaración responsable as cortas nas zonas non suxeitas a unha protección especial. Para que isto sexa posible compre delimitar coa meirande rigorosidade posible as áreas afectadas pola distinta lexislación sectorial.
Entre os conxuntos de datos nos que se mellorou ou modificou nesta ocasión atópanse as zonas de afección de:
- Actualización da información xeográfica de Patrimonio Cultural nas que se incluíron as melloras das delimitacións dos BIC e do resto de elementos do inventario do patrimonio cultural (IPC): xacementos catalogados, xacementos censados e patrimonio catalogado, así como os contornos de protección de estas entidades. Para incorporar esta información levouse a cabo por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo co apoio da Consellería de Medio Rural e do Instituto de Estudos do Territorio un importante traballo de revisión e mellora da mesma que permite deste xeito poñer a disposición unha importante revisión de dita información.
En canto aos camiños de Santiago, reflectiuse o trazado do eixo de tódolos camiños, delimitados e sen delimitar, xerándose as zonas de protección dos camiños delimitados (zonas de amortecemento e territorio histórico) e unha zona de influencia de 30 metros respecto ao eixe para os camiños non delimitados. - Modificación da información procedente da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos consultable dende o visor de Patrimonio Natural relativa a: ZEPA e aqueles terreos cuxo ámbito territorial coincida coa figura de parque, reserva natural ou monumento natural, áreas prioritarias de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e hábitats sensibles.
Está información súmase a outra información que foi modificada e actualizada no ano pasado correspondente a:- Rede de estradas estatais convencionais, autonómicas de alta capacidade, autonómicas convencionais e das deputacións cos Puntos Quilométricos.
- Zonas de afectación do nematodo Bursaphelenchus xylophilus.
- Rede hidrográfica de detalle coa melloras xeométricas da mesma efectuadas dende a última publicación do visor no ámbito da demarcación de Galicia-Costa.
Por último, modificouse a simboloxía das afeccións, reordenándose e agrupáronse os distintos conxuntos de datos, co fin de contribuír a unha maior claridade na interpretación da información amosada.
Deste xeito mantense e mellorase o visor xeográfico de aproveitamentos forestais posto en marcha no ano 2018 e no que seguimos a traballar para que a información xeolocalizada sexa obxecto de actualización permanente ata garantir a súa total, exacta e efectiva implementación e posta a disposición para os distintos axentes que interveñen nos distintos procedementos e trámites administrativos.