Avance das ortofotografías do voo interministerial

Iníciase a incorporación dunha nova cobertura de ortofotografía histórica de Galicia, correspondente ao periodo 1973-1986.

Co obxecto de continuar coa mellora da base de información multitemporal existente na Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia, dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vense de adxudicar o servizo para a obtención das ortofotografías históricas de Galicia correspondentes ao denominado voo interministerial, realizado entre os anos 1973 e 1986. Esta captura aérea de imaxes resulta especialmente interesante dende o punto de vista da análise territorial,  posto que se realizou nun momento no que se estaban a producir cambios substanciais nas políticas económicas e de ordenación do territorio, tanto en Galicia como no conxunto de España, o que o fai básico para a análise de dinámicas do territorio e da paisaxe tanto natural como antrópica. O orzamento base foi de 68.076,02 €, cun período de execución de 5 meses, polo que estará dispoñible ao longo do presente ano.

A ortorrectificación deste voo lévase a cabo grazas á colaboración co Instituto Xeográfico Nacional, que pon a disposición os fotogramas do voo para a realización dos traballos.

A modo de anticipo deste contrato, xa se poden consultar as ortofotografías na contorna das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo, incorporadas como mapa de fondo no visor básico e no visor comparador.

 
Galería de imaxes
Acceso a la ciudad de Ourense en los años 2017 y 1987