O Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante a colaboración con distintos departamentos da Xunta e concellos permitíu un aforro de 2,2 millóns de euros no ano 2013 nas administracións galegas. Así o explicou o director do IET, Manuel Borobio, no Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio.
A prestación de servizos de coordinación, xestión e difusión da información xeográfica do territorio galego a diferentes consellerías posibilitou un aforro económico de máis de 1,3 millóns de euros para o Goberno galego no ano 2013.
O IET é un servizo transversal a todos os departamentos da Xunta en todas aquelas tarefas que requiran de datos xeográficos, análises de territorio, monitorización de fenómenos naturais, sociais ou económicos. O IET cooperou con distintos departamentos da Xunta de Galicia na elaboración de plans, en traballos de control de calidade da información, en xeración de produtos cartográficos e aplicacións xeográficas, na formación de seus cadros técnicos e no establecemento de modelos de datos e metodoloxías para o uso eficaz da información do territorio.
A colaboración coa administración local de Galicia, mediante a distribución de cartografía, ortofotos, mapas e outros datos xeográficos supuxeron tamén un aforro duns 900.000 euros anuais. O IET asesorou aos concellos na implantación de sistemas de información xeográfica, acompañando na definición de modelos e metodoloxías de traballo e supervisando o uso dos datos territoriais.
Segundo apuntou Borobio, “o obxectivo para este ano é formalizar parte dos servizos prestados polo IET a terceiros mediante convenios e encomendas que permitan aproximar ao Instituto á autosuficiencia no seu financiamento a medio prazo”.
Cartografía e información
O traballo do IET, segundo explicou Borobio, “baséase na necesidade de facer dispoñible e accesible, de maneira fácil, cómoda, eficaz, confiable e a baixo custo os datos xeográficos existentes”.
A información xeográfica é un recurso de custosa produción e difícil acceso por varios motivos (formatos, modelos, políticas de distribución, falta de información), polo que o Sistema de Información Xeográfica Corporativo (a nivel interno) e a Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (cara ao exterior da administración) persegue a minimización dos efectos negativos da súa distribución e uso.
Estratexia da Paisaxe
A Xunta de Galicia impulsará accións en materia de formación, concretamente, a posta en marcha do Plan de formación e divulgación de paisaxe. Realizaranse accións orientadas á especialización de técnicos (arquitectos, enxeñeiros, xeógrafos, técnicos ambientais, etc.), nas labores relacionadas coa protección, xestión e ordenación da paisaxe.
Este plan de formación nace da expresa previsión que contén a Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, en congruencia cos obxectivos establecidos polo Convenio Europeo da Paisaxe. Esta formación require dun itinerario que se pauta en tres fases: a comprensión ou lectura da paisaxe, a interpretación e a proxección ou planificación.
Respecto ao Plan de Formación dos técnicos municipais e profesionais dos distintos colexios (arquitectos, enxeñeiros, paisaxistas, etc) o Instituto de Estudos do Territorio dará un xiro ás diferentes xornadas e talleres que se veñen realizando nos últimos anos co fin de incidir na sensibilización dos técnicos contra o feísmo.
Os destinatarios destas accións formativas serán tanto os empregados públicos como profesionais privados que deben aplicar estes coñecementos nas intervencións territoriais nas que participen. Ademais, seguirán desenvolvéndose as actuacións de formación e divulgación en materia de paisaxe inseridas no marco do Plan Proxecta de innovación docente, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como continuación do programa 12 meses, 12 paisaxes, iniciado no ano 2012.
Atlas das Paisaxes de Galicia
Manuel Borobio explicou que “tras a identificación das 12 grandes áreas paisaxísticas nas que se divide Galicia, así como a súa desagregación en comarcas paisaxísticas, o Instituto de Estudos do Territorio está a avaliar as características propias de cada unha desas áreas, así como a identificación dos diversos tipos de paisaxes presentes no noso territorio”.
Estes estudos nutrirán un Atlas das Paisaxes e a identificación das áreas de especial interese paisaxístico, que sentará as bases dos catálogos e directrices de paisaxe previstos na Lei de protección da paisaxe de Galicia.