A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica un novo visor xeográfico coa información recollida da guía de caracterización e integración paisaxística de valados

Co fin de poñer en valor o traballo de campo e de recollida de información que se fixo para a elaboración da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, e dada a imposibilidade de incluír todos os datos obtidos neste documento, ponse en marcha un visor que permite a consulta de toda esta información.

O obxectivo é facer público este repositorio de datos sobre valados, a maioría deles tradicionais, para que poidan ser utilizados noutros estudos ou análises.

Toda a información sobre esta mostraxe de valados está xeorreferenciada, de xeito que pode consultarse de varias formas, ben a través do mapa, podendo identificar as mostras de valados que hai nunha zona, ou ben a través de base de datos de fotografías.

Para cada valado proporciónase, na maioría dos casos, unha ou varias fotografías, e información sobre:

  • O tipo e material do valado
  • O sistema construtivo
  • A posición do valado na parcela
  • A altura do valado
  • Se é un valado tradicional ou de nova construción
  • Se o valado está abandonado ou en uso
  • O uso ao que se destina a parcela