Dentro dos traballos de revisión, actualización e adecuación da información espacial do planeamento urbanístico, o IET completou as capas de ordenación en formato vectorial dos PXOM adaptados á LOUG. Para iso acometeuse a dixitalización das clases e categorías do solo rústico ordinario e de especial protección de 73 concellos dos que ata o momento só se dispoñía dos recintos das clases de solo urbano, urbanizable e núcleo rural, completando a capa de clasificación urbanística do solo nos concellos de Galicia con planeamento adaptado.
Este traballo implicou as seguintes tarefas:
- A dixitalización dun total de 17.621 recintos vectoriais de solos rústicos de 73 concellos, a partir dos planos de clasificación do solo xeorreferenciados.
- O control de calidade consistente na validación topolóxica dos recintos dixitalizados e a conformidade da vectorización co plano orixinal.
As capas actualizadas atópanse xa dispoñibles para os usuarios, accesibles dende a utilidade de descarga na barra de ferramentas do visor xeográfico de SIOTUGA. Deste xeito, avánzase na mellora da información dixital sobre o planeamento urbanístico, o que facilitará a súa análise a todos os axentes que participan na planificación e xestión do territorio e aos cidadáns en xeral.