Santiago, 1 de xullo de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta tarde que Galicia contará por primeira vez na súa historia cun regulamento de ordenación da actividade cartográfica. O conselleiro de Medio Ambiente fixo este anuncio durante a reunión da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, onde se presentou esta normativa, da que se iniciará a tramitación proximamente e que constituirá o marco legal que permitirá compartir a información xeográfica de xeito accesible e coordinado entre todos os departamentos da Xunta de Galicia así como cos entes locais.
Sinalou que para que este intercambio de información sexa eficaz é preciso definir unha linguaxe común, e para iso se están a desenvolver modelos de datos, que establecerán unhas pautas de linguaxe para a xestión do territorio, e contribuirán, sen dúbida, a aprender a intercambiar toda a información que sobre o territorio se está a producir. Asemade, coa posta en marcha destes modelos de datos actívase un auténtico Sistema de Información Xeográfica Corporativo, en colaboración coa Amtega, como elemento fundamental de modernización e de xestión da información na Administración Pública e que vai repercutir en todos os departamentos da Xunta de Galicia.
O conselleiro destacou que tamén se están a facer esforzos para coordinar esta información coa Administración central e recordou que, recentemente se asinou un convenio entre a Consellería e co Instituto Xeográfico Nacional (dependente do Ministerio de Fomento), para actualización, produción e intercambio de información xeográfica, que permitirá evitar que se dupliquen esforzos na obtención da información xeográfica e cartográfica, o que suporá importantes aforros para a Administración tanto local, como autonómica como a nivel estatal.
Por último, felicitou e animou aos membros desta Comisión a seguir traballando nos obxectivos establecidos na primeira da reunión:
- Garantir a homoxeneidade da información producida polos organismos públicos que forman parte.
- Favorecer a eficiencia no gasto público destinado a cartografía e sistemas de información xeográfica.
- Asegurar a dispoñibilidade pública e actualización dos datos xeográficos de referencia.