Incorporación dunha nova cobertura de imaxes de alta resolución de Pleiades dos anos 2014-2015 para Galicia realizada en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional

O visor básico da web de mapas.xunta.gal e o comparador de mapas incorporan unha nova cobertura de imaxes de satélite de alta resolución aos mapas de fondo.

O Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento, ten dispoñible un novo servizo para a visualización da cobertura completa de Galicia con imaxes Pleiades 2014-2015, con corrección xeométrica precisa. Este conxunto de imaxes de satélite de moi alta resolución espacial foi obtido para toda Europa a partir dos satélites Pleiades e Worldview dentro do programa Copernicus liderado pola Comisión Europea (CE), de xeito conxunto coa Axencia Espacial Europea (ESA). Copernicus está considerado como o programa de observación da Terra máis ambicioso da historia, deseñado co obxecto de proporcionar información para a mellora da xestión do medio ambiente, comprender e tratar de reducir os efectos do cambio climático ou garantir a seguridade cidadá, entre outros. No ámbito de Galicia vai permitir, ademais, contar con imaxes do territorio correspondentes ao ano 2015, complementando así os voos realizados dentro do plan nacional de ortofotografía, que non inclúen este ano.

A Axencia Espacial Europea distribúe o CORE VHR_IMAGE_2015 (que se corresponde con imaxes do ano 2015, completando a cobertura con imaxes do 2014) en ficheiros comprimidos en formato TAR que conteñen unha imaxe multiespectral de 4 bandas (azul, verde, vermello e infravermello) con resolución espacial de 2 metros e unha imaxe pancromática de 0,5 metros. As escenas subminístranse por parte da ESA cunha corrección xeométrica aproximada que proporciona erros medios duns 10 metros. Para poder acadar mellores niveis de exactitude procesáronse as imaxes mediante, polo menos, 9 puntos de control terrestre por escena, e un modelo dixital do terreo cun paso de malla de 2 m procedente do voo LiDAR. O erro posicional máximo permitido nas imaxes resultantes limitouse a 1 metro.

Esta corrección precisa das dúas coberturas pode ser visualizada no visor básico e no comparador de mapas, que permite analizar dun xeito sinxelo as evolucións do territorio dende o ano 1956 ata o 2015.

A cobertura completa para o territorio de Galicia compóñena un total de 163 escenas: 82 delas correspóndense coas obtidas durante o ano 2014, mentres que o resto (81) foron capturadas durante o 2015.

 
Galería de imaxes
Escenas corrixidas de 2014
Escenas corrixidas de 2015