Medio Ambiente comeza o proceso de participación pública do catálogo das paisaxes de Galicia cun obradoiro práctico en Santiago, para técnicos e cidadanía en xeral

Os talleres desenvolveranse ata o 31 de outubro en 12 lugares distribuídos por toda a xeografía galega, correspondentes coas 12 áreas paisaxísticas definidas. Inclúen a presentación do catálogo das paisaxes, a sensibilización sobre cuestións relacionadas con este eido, o debate sobre a paisaxe, así como sesións prácticas de traballo para localizar lugares de interese ou áreas degradadas.

O proceso de participación pública do Catálogo das paisaxes de Galicia deu comezo hoxe en Santiago de Compostela co primeiro dos obradoiros prácticos previsto desde hoxe ata o 31 de outubro. Trátase dunha xornada de traballo pensada para que tanto axentes convidados polo seu coñecemento, como calquera persoa que o desexe, poidan facer as súas achegas para acadar unha mellor xestión e protección da área paisaxística na que se atope.

Este taller, que foi inaugurado esta tarde no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago) pola directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, enmárcase no desenvolvemento da Estratexia da Paisaxe de Galicia que, inclúe un completo proceso de participación pública para a redacción do Catálogo das Paisaxes de Galicia.

O catálogo, que formará parte do Atlas das Paisaxes de Galicia, identificará e caracterizará os valores e as potencialidades das 50 comarcas paisaxísticas do noso territorio cara a súa protección e xestión e no que tamén se integrarán as Directrices da Paisaxe, que exporán as pautas de intervención xeral en cada tipo de paisaxe identificadas e consensuadas durante o seu propio proceso de participación, así como os criterios de actuación naqueles lugares, ben de especial valor ou degradados.

A Xunta está convencida de que a través destes procesos de diálogo con expertos, administracións e cidadanía en xeral se acadará un Atlas completo, consensuado e debatido por todas as persoas interesadas que será o documento que Galicia necesita.

Un dos instrumentos de participación pública que se empregará neste proceso son os talleres participativos presenciais, que teñen como obxecto facilitar a participación dos axentes, asociacións ou individuos interesados, xerando unha xornada de traballo na que conviven e colaboran todos os grupos de interese xunto coa poboación en xeral.

Coa realización dun taller en cada unha das 12 áreas paisaxísticas nas que se divide Galicia trátase de garantir a equidade espacial no proceso de participación, é dicir, de asegurar a posibilidade de participar á poboación de todos os ámbitos territoriais. Deste xeito, realizáranse un total de doce talleres distribuídos por toda a xeografía galega coa fin de asegurar, na medida do posible, que calquera persoa que desexe participar no proceso poida facelo.

Os talleres de participación pública inclúen a presentación e explicación do proxecto do Catálogo das Paisaxes de Galicia, a concienciación e sensibilización sobre cuestións relacionadas coa paisaxe, o debate sobre a paisaxe en Galicia e tres sesións prácticas de traballo destinadas á localización de lugares de interese paisaxístico, valores paisaxísticos e áreas degradadas.

Os participantes nestes talleres comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección atlaspaisaxe.iet [at] xunta.es (atlaspaisaxe[dot]iet[at]xunta[dot]es) ou chamando aos teléfonos 981541755 / 981541756.

Nestes talleres empregarase unha plataforma web que estará dispoñible para calquera persoa durante os meses de setembro e outubro, coa fin de que as persoas que non poidan asistir aos talleres e desexen participar poidan facelo dende calquera lugar e en calquera momento.

GRANDE ÁREA PAISAXÍSTICA     TALLER
GALICIA CENTRAL Xov 10-set Santiago de Compostela
GALICIA SEPTENTRIONAL Sáb 12-set As Pontes de García Rodríguez
CHAIRAS E FOSAS OCCIDENTAIS Sáb 19-set Carballo
CHAIRAS E FOSAS LUGUESAS Sáb 26-set Lugo
A MARIÑA-BAIXO EO Sáb 03-out Burela
SERRAS ORIENTAIS Mér 14-out Viana do Bolo
RIBEIRAS ENCAIXADAS DO MIÑO E SIL Sáb 17-out Ourense
CHAIRAS, FOSAS E SERRAS OURENSÁS Mér 21-out Xinzo de Limia
COSTA SUR-BAIXO MIÑO Sáb 24-out Ponteareas
RÍAS BAIXAS Mér 28-out Vigo
GOLFO ÁRTABRO Sáb 31-out A Coruña