Medio Ambiente presenta unha proposta de Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico

O documento dá resposta á determinación 7.3.5 das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, que establece o mandato de desenvolver un sistema de itinerarios que constitúan a Rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental, que conecte entre si os diferentes elementos de interese paisaxístico, cultural e natural.

Esta rede é tamén unha das actuacións previstas na “Estratexia da Paisaxe Galega. Planificación 2017-2020” (presentada en outubro do ano pasado) dentro da liña operativa LO04 correspondente á “Posta en valor dos lugares de especial interese paisaxístico”, onde se propoñía o deseño da rede baixo criterios técnicos, aproveitando a densa rede viaria e de sendeiros xa existente, e co obxectivo de poñer en valor a diversidade territorial de Galicia, expresada a través das distintas paisaxes e bens naturais e culturais.

Esta proposta de Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico recolle catro tipos de itinerarios: (1) a Senda dos Faros, (2) os itinerarios de interese paisaxístico con valores naturais, (3) os itinerarios de interese paisaxístico con valores patrimoniais e (4) os itinerarios con valores panorámicos. En total a rede comprende 4.479 km de percorridos, distribuídos entre as 56 etapas da Senda dos Faros, 109 itinerarios con valores naturais, 76 con valores patrimoniais e 25 rutas con valor panorámico.

En primeiro lugar preséntase a Senda dos Faros, unha estratexia deseñada dentro do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia pero que ata este momento non tiña sido concretada no trazado específico dun percorrido. O deseño desta senda litoral apoiouse nunha análise dos elementos que a xustifican, que son todos aqueles necesarios para a navegación mariña. Así, non só se identificaron os faros, senón tamén torres, balizas, elementos xeográficos e outras construcións. A Senda dos Faros é un percorrido orixinal de 1.315 km que se divide en 56 etapas, das cales tres son insulares.

En segundo lugar recóllense tres tipos de itinerarios que reflicten os valores paisaxísticos establecidos no Catálogo das paisaxes de Galicia: naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais e estéticos e panorámicos.
 
Os primeiros son os itinerarios asociados aos valores naturais, que inclúen un total de 138 itinerarios ao longo de 1.706 km (dos cales 305 km e 29 itinerarios corresponden a etapas da Senda dos Faros). Para a identificación destes itinerarios tívose en conta, entre outros factores, a existencia de Áreas de Especial Interese Paisaxístico, Zonas de especial protección dos valores naturais, árbores e formacións senlleiras, áreas recreativas, lugares de interese xeolóxico e miradoiros.

Os segundos son os itinerarios asociados a valores culturais ou patrimoniais, que constitúen un total de 76 itinerarios ao longo de 707 km, dos cales 292 km (38 itinerarios) están vinculados a elementos declarados BIC, e outros 415 km (38 itinerarios) a unha elevada densidade de bens do patrimonio cultural.

Por último, a Rede recolle os 1.056 km das rutas identificadas por Turismo de Galicia na publicación “Escenarios ao volante. 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes”, que están directamente relacionadas cos valores estéticos e panorámicos definidos no Catálogo das paisaxes. A diferenza dos tres tipos de itinerarios anteriores, estas rutas discorren polas estradas e poden ser percorridas en automóbil.

O documento inclúe unha ficha detallada para cada itinerario, con datos sobre o lugar de inicio e chegada da ruta, a lonxitude do trazado, a pendente media e os elementos de interese que se atopan no seu percorrido, así como un mapa, un perfil topográfico e unha descrición dos valores naturais, culturais e estéticos do itinerario.

Ademais, o trazado destes catro tipos de itinerarios pode consultarse e descargarse accedendo ao visor xeográfico.

 
Galería de imaxes
Medio Ambiente presenta unha proposta de Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico
Medio Ambiente presenta unha proposta de Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico
Medio Ambiente presenta unha proposta de Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico