Desde o pasado 31 de marzo de 2020, está dispoñible na Infraestrutura de Datos Espaciais da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa nova información asociada ao proceso de implementación da Directiva 2007/60/CE relativa a avaliación e xestión do risco de inundación na Demarcación, que se atopa baixo a epígrafe de “D2007/60 Mapas Inundables Fluviais ciclo 2021-2027 CP”, e inclúe as seguintes capas:
- Lámina de inundación T10
- Lámina de inundación T100
- Lámina de inundación T500
- Risco poboación T10
- Risco poboación T100
- Risco poboación T500
- Risco actividade económica T10
- Risco actividade económica T100
- Risco actividade económica T500
- Risco puntos especial importancia T10
- Risco puntos especial importancia T100
- Risco puntos especial importancia T500
- Risco área importancia medioambiental T10
- Risco área importancia medioambiental T100
- Risco área importancia medioambiental T500
- Perigosidade T10
- Perigosidade T100
- Perigosidade T500
Esta epígrafe dá soporte e inclúe a información especificada na resolución do 23 de marzo de Augas de Galicia, publicada no DOG nº 64 (1/04/20), pola que se inicia a apertura do proceso de consulta pública da "Actualización e Revisión dos Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (ciclo 2021-2027)".
A Directiva 2007/60/CE ou Directiva de Inundacións, e o Real Decreto 903/2010, de 9 de xullo, que a traspón ao ordenamento español, establecen un marco para a avaliación e xestión dos riscos de inundación, que supón a realización dunha serie de traballos con carácter cíclico, cada 6 anos, que se desenvolven en 3 fases:
- Avaliación Preliminar do Risco de Inundación
- Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación
- Plans de Xestión de Risco de Inundación
Augas de Galicia, como Organismo de Cunca, ten aprobados os documentos do primeiro ciclo desta planificación, e está a desenvolver as medidas establecidas no Plan de Xestión de Risco de Inundación para a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa 2015-2021, aprobado por RD 19/2016 de 15 de xaneiro.
Así mesmo, na actualidade, o Organismo de Cunca está inmerso nos traballos de elaboración dos documentos do segundo ciclo de planificación 2021-2017, que supoñen a actualización e revisión dos contidos das 3 fases do anterior.
En todo este proceso ponse a disposición do público xeral todos os documentos que se elaboran, con arranxo ao disposto na normativa comunitaria, estatal e autonómica, integrándose o resultado da participación nos documentos definitivos.
Unha vez realizada a revisión e actualización da Avaliación Preliminar do Risco de Inundación do ciclo 2021-2027, Augas de Galicia somete agora a consulta pública a revisión e actualización dos Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación correspondentes a este novo ciclo.
Non obstante, dada a magnitude desta información, o proceso de posta en consulta pública destes mapas realizarase de forma progresiva nas sedes e páxina web do Organismo de Cunca.
A documentación relativa á fase I, documentos e información xeográfica pódese consultar nos seguintes sitios web:
- Páxina web oficial de Augas de Galicia; apartado de Participación Pública-Directiva de Inundacións
- IDE-DHGC, epígrafe “D2007/60 Mapas Inundables Fluviais ciclo 2021-2027 CP”
Cabe destacar que o cómputo do prazo iniciarase no momento en que perda vixencia o acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, publicado por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 15 de marzo) ou, no seu caso, as prórrogas deste.