Nova cobertura LIDAR 2015-2016

Incorpórase ao visor de descargas unha nova cobertura LIDAR correspondente aos anos 2015 e 2016.

O LIDAR é un sistema que permite obter nubes de puntos do terreo. As nubes de puntos LIDAR formúlanse como un complemento perfecto á fotogrametría na monitorización do territorio. De cada un dos máis de 15.000 millóns de puntos LIDAR tomados en Galicia durante os voos dos anos 2015 (zona oeste) e 2016 (zona leste), obtivéronse coordenadas X, Y, Z, que precisaron ser corrixidas e clasificadas para poder empregarse en aplicacións como a obtención de Modelos Dixitais do Terreo e de Superficies (con edificios e vexetación), estudos de zonas inundables, detección automática de edificacións, control da Política Agrícola Comunitaria PAC ou estudos de visibilidade, entre outras moitas, e, como consecuencia destas utilidades, para poder incrementar a calidade dos servizos cartográficos que presta o IET para toda a Xunta de Galicia, outras Administracións, empresas e a cidadanía en xeral.

Para a realización deste traballo, o Instituto Xeográfico Nacional facilitou a información LIDAR en bruto e por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investíronse un total de 144.958,00 € nos traballos que se realizaron dende finais do ano 2017 ata finais de 2018.

Os arquivos da clasificación manual da nube de puntos correspondente ás clases terreo, edificación e vexetación, en cotas ortométricas e con asignación de cor á nube de puntos, están dispoñibles dende o visor de descargas cuns 8.106 novos arquivos que fan uns 1,2 terabytes de información; tanto polo incremento da calidade dos datos orixinais como polo exhaustivo tratamento dos mesmos, supón unha mellora moi considerable duns modelos dixitais que xa se están a empregar na dixitalización da nova rede hidrográfica ou na cartografía dos Plans Básicos Municipais. Toda a información derivada deste produto será posta a disposición de todos/as os/as usuarios/as e da cidadanía segundo se vaia xerando.

 
Galería de imaxes
Clasificación de la nube de puntos LiDAR