Nestes días púxose en produción unha nova versión do portal de información relativa aos instrumentos de planificación urbanística SIOTUGA. A primeira novidade é a publicación dos servizos WMS de cada planeamento municipal para a utilización da súa cartografía a través de ferramentas SIX ou a partir doutros visores web. Deste xeito, a información urbanística de Galicia pódese combinar con calquera outra capa de información que desexe o usuario.
A segunda actualización ten que ver cunha mellora nas descargas de ficheiros. A partir destes momentos, o portal SIOTUGA utiliza a tecnoloxía desenvolvida para o centro de descargas de información xeográfica. Deste xeito conséguese unha maior eficacia e seguridade na obtención de ficheiros de planeamento.
Este portal do Sistema de Información de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia é un dos compoñentes da Plataforma SIX corporativa máis utilizados e a súa evolución vai dirixida a dar unha mellor resposta ás necesidades dos seus usuarios.