Ponse en marcha, dentro da plataforma de información xeográfica de Galicia, un novo visor web preparado para que calquera usuario poida consultar facilmente mapas coas concentracións e reestruturacións parcelarias de Galicia. Esta ferramenta foi creada polo Instituto de Estudos do Territorio, a partires da iniciativa impulsada por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural, posibilitando acceder a calquera cidadán á información xeográfica e aos datos xerais das concentracións rematadas grazas ao enlace coa información dos distintos procedementos de concentración e reestruturación que se atopa na web da Consellería de Medio Rural.
Ademais, implementouse no buscador un localizador por Código da zona concentrada, outro por nome, e unha funcionalidade que permite a localización das fincas por referencia catastral, ao resultar este un modo habitual de busca para os propietarios.
Cómpre sinalar que debido a que a información recompilada para facer este traballo proviña de fontes de calidade moi diversa, e que resultou especialmente complicado a recuperación da información cartográfica nas zonas dos procesos máis antigos, en caso de dúbida ou para garantir a oficialidade da información, habería que consultar os expedientes orixinais que se atopan nos servizos provinciais de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural.