O Instituto de Estudos do Territorio destaca a planificación da paisaxe e a produción cartográfica como liñas centrais do seu traballo

Os traballos desenvolvidos este ano permitíronlle ao IET dispor dun sistema de indicadores para coñecer a incidencia real dos instrumentos de ordenación territorial vixentes, na sostibilidade do territorio galego

Santiago, 17 de xullo de 2013.- O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Manuel Borobio, presentou hoxe o balance da actividade e xestión do IET ao Consello Reitor.

O IET é un organismo autónomo de carácter administrativo dedicado á análise, estudo e asesoramento en materia de urbanismo, ordenación territorial, paisaxe e información xeográfica. Nace coa vocación de dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades da cidadanía en relación ao territorio e a paisaxe, a través do emprego eficiente dos recursos públicos. Neste primeiro ano de vida o Instituto fixo o esforzo de pór en marcha as liñas de actuación previstas do seu plan estratéxico, un documento que se desenvolve a través dun conxunto de plans, programas e proxectos.

Ao longo destes 12 meses, os traballos desenvolvidos centráronse nos seguintes eidos:

  • Seguimento da sostibilidade territorial para a xestión dinámica do territorio.
  • Planificación en materia de paisaxe.
  • Coordinación da Información Territorial e Produción cartográfica.

Xestión do territorio

Os traballos desenvolvidos este ano permitíronlle ao IET dispor dun sistema de indicadores para coñecer a incidencia real dos instrumentos de ordenación territorial vixentes, na sostibilidade do territorio galego.

Para isto, fíxose o esforzo pioneiro de coordinación do conxunto da administración, a través da creación dunha Comisión de Seguimento que comezou o seu percorrido en agosto de 2012, mediante a constitución de 17 grupos de traballo interdisciplinares, no que o IET desenvolveu a labor de coordinación. O froito deste traballo foi a elaboración dun sólido conxunto de indicadores, a partires de cuxos resultados, redactarase o informe de seguimento e a memoria que se elevarán ao Parlamento, para render contas da evolución das políticas territoriais postas en marcha e a súa eficacia.

No ano 2012 tamén cómpre destacar os resultados obtidos a través do proxecto europeo DESOURB (Desenvolvemento Sustentable Urbano) no que participou o IET, e no que se deseñou un Xeoportal como plataforma dixital para difundir os resultados dos indicadores de sostibilidade para a Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

Por outra banda, en outubro de 2012 o Consello da Xunta acordou iniciar o procedemento de elaboración do Plan Territorial Integrado (PTI) da bacía hidrográfica do río Eume, integrando varios departamentos da Administración Autonómica, e no que o IET ostenta a dirección xunto con Augas de Galicia.

Planificación da paisaxe

Neste eido, o director do IET destacou na presentación do informe anual a aprobación do primeiro catálogo de paisaxe da comarca paisaxística de Deza. Tamén fixo fincapé nos avances dos traballos previos para a posta en marcha do proceso de participación pública requirido na Lei da Paisaxe Galega para a posterior definición das Directrices correspondentes a dita comarca.

Ademais Borobio salientou a consolidación do proxecto divulgativo en materia de paisaxe dirixido, prioritariamente á comunidade educativa. Trátase do programa 12 meses, 12 paisaxes, que no curso pasado integrouse no programa PROXECTA de innovación educativa e que mobilizou a preto de 2.500 alumnos e 203 profesores.

Por último e, na liña de traballo de integración paisaxística, o IET segue a alimentar a colección de Paisaxe Galega con novas guías de integración e boas prácticas. Así no 2012 remataron os traballos das obras dedicadas á intervención en sistema praia-duna e á integración dos parques eólicos. Estas verán a luz nos vindeiros meses.

Información Territorial e Produción cartográfica

Este apartado constitúe o piar clave no labor cotiá do IET. Neste senso, o director abordou os fitos acadados na procura dun axeitado e moderno sistema de información territorial para a Xunta de Galicia. Entre eles, subliñáronse os seguintes:

  • Avanzouse na xestión do nodo da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG). Trátase da ferramenta principal para compartir e difundir a información xeográfica do noso territorio, cumprindo coas obrigas derivadas da Directiva Europea INSPIRE. Nesta liña de traballo, púxose en marcha o Xeocatálogo coa información xeográfica dispoñible, así como o conxunto de servizos web.
  • Iniciouse o traballo do Sistema de Información Xeográfica Corporativo para a organización e xestión da cartografía e a información xeográfica do conxunto da Administración Galega. Nel, o repositorio de información xeográfica constitúe o seu núcleo central.

Pola súa banda, o director salientou os avances en materia de produción cartográfica, en particular, no desenvolvemento dos modelos de produción da Base Topográfica Galega (BTG) e da BTUG, na base topográfica urbana de Galicia. Explicou, igualmente, os traballos derivados do modelo dixital do terreo, xerado dentro do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA); así como aqueles outros vinculados ao proxecto SIOSE (Sistema de Información sobre Ocupación do Solo de España).

Finalmente, a dirección do IET lembrou a importancia da posta en marcha da Comisión de Coordinación de SIX e Cartografía, así como do funcionamento dos seus grupos de traballo técnicos.