Oleiros (A Coruña), 17 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e a Fundación Juana de Vega, levarán a cabo un estudo sobre as tipoloxías dos peches de fincas en Galicia como unha ferramenta que axude á comprensión da paisaxe desde a propia identidade que sirva para avaliar e mellorar a paisaxe no campo galego.
Segundo o convenio firmado hoxe entre ambas as dúas institucións, que se enmarca no protocolo de colaboración asinado hai un ano para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa paisaxe, os traballos teñen por obxecto realizar un catálogo de peches, que redundará na protección da paisaxe e da tipoloxía do medio natural.
A metodoloxía dos traballos basearase e caracterizarase na división de Galicia nas 12 áreas paisaxísticas e identificará as tipoloxías de peche para cada unha delas, que sirva para a conservación, e divulgación dos estilos vencellados a cada área coa intención de facilitar a tramitación de novos peches e dedicar os esforzos de tramitación en aqueles casos innovadores.
O sistema de traballo farase utilizando a máis moderna tecnoloxía mediante planimetría SIG, a achega de documentación fotográfica e planos definitorios de cada unha das tipoloxías. Serán necesarios percorridos polo territorio para a toma de datos para o traballo cartográfico e documental.
Os traballos levaranse a cabo polo Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe-Fundación Juana de Vega e baixo a supervisión e colaboración dos técnicos do servizo da paisaxe do Instituto de Estudos do Territorio que, ademais se encargarán da coordinación do proceso de participación cidadá no traballo de campo e da edición final.
Este proceso de participación cidadá é un dos eixos que articulan a filosofía destas actuacións e resulta imprescindible para que os resultados sexan asimilados e aceptados polos propietarios, tendo en conta que estamos a falar dos peches dos seus terreos.