Este novo elemento denomínase “Comparador de mapas” e consiste nunha nova funcionalidade que traballa sobre o visualizador web de cartografía e que lle permite ao usuario ver dúas capas de información xeográfica sobre a mesma zona. Cando se activa, divídese a xanela en dúas metades, e en cada unha delas pódese cargar un mapa ou cobertura fotográfica diferente. A liña que divide o visor pode desprazarse de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo, para visualizar a mesma zona alternativamente nos dous mapas. Tamén dispón doutros formatos que fan o efecto dunha lupa ou que permiten visualizar a mesma área do mapa en dúas datas distintas.
Esta comparativa pode facerse sobre as ortofotos dos diferentes anos e sobre as cartografías topográficas e das coberturas do solo. O usuario pode comparar por exemplo unha zona do territorio tal e como estaba no ano 1956 coa mesma zona no ano 2014. Como non só se poden cotexar imaxes do territorio, tamén é posible ver a mesma zona interpretada por dúas cartografías diferentes.
Esta utilizade forma parte do visor principal do xeoportal mapas.xunta.gal e tamén pasará a formar parte doutros visores temáticos que son accesibles desde o mesmo xeoportal e que conforman a Plataforma SIX Corporativa da Xunta de Galicia.