O Plan Básico Autonómico é unha ferramenta indispensable que ten por obxecto delimitar sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a complexa realidade das afeccións derivadas da normativa sectorial e identificar os asentamentos de poboación existentes. Así mesmo, establece unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación, de acordo coas súas determinacións, a través dunhas ordenanzas tipo.
Unha das súas principais finalidades é a definición das áreas do territorio nas cales sexa necesario recadar informes dos diferentes organismos con competencias sectoriais para a realización de calquera actividade que implique a acción urbanística, de tal xeito que contribúa a dotar de transparencia e axilidade o mecanismo de solicitude de tales informes. Deste modo, o Plan Básico Autonómico distingue e caracteriza as delimitacións das afeccións derivadas da lexislación sectorial que inciden sobre o territorio, incluíndo o conxunto de instrumentos de ordenación do territorio. Na mesma senda, identifica os asentamentos de poboación existentes e clasifícaos segundo as Directrices de Ordenación do Territorio.
O Plan Básico Autonómico encaixa como un paso intermedio imprescindible para conseguir que cada concello posúa unha ordenación operativa do seu territorio, establecendo unhas ordenanzas tipo, en función das clases e cualificacións do solo. Asemade, incorpora cada unha das afeccións que, a nivel sectorial, inciden na Comunidade Autónoma, ofrecendo nun único documento toda esta información.
O Plan Básico Autonómico substituíu ás Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais aprobadas no ano 1991, de conformidade co previsto na disposición transitoria sétima do Regulamento que desenvolve a Lei do solo, que ata a entrada en vigor do PBA mantiveron a súa vixencia.
O Plan Básico Autonómico é un instrumento de planeamento urbanístico que ten por obxecto delimitar, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as afeccións derivadas da normativa sectorial e identificar os asentamentos de poboación existentes; asemade, establece unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación.
As determinacións que se conteñen no Plan Básico Autonómico son as seguintes:
- Relación cos instrumentos de ordenación do territorio.
- Afeccións derivadas das lexislacións sectoriais sobre o territorio.
- Identificación dos asentamentos de poboación existentes.
- Regulación dos usos do solo e da edificación.
En atención á natureza dinámica do Plan básico autonómico, o obxecto desta actualización é o de realizar a oportuna revisión cartográfica do Plan coa información sectorial recibida dende a aprobación definitiva do Decreto 83/2018, recolléndose na actualización do 15/06/2020 os cambios operados.
Coa actualización cartográfica do ano 2020 do Plan básico autonómico actualízanse os seguintes documentos do PBA aprobado por Decreto 83/2018:
- ANEXOS DA MEMORIA XUSTIFICATIVA:
- Anexo I: Marco legal 2020
- Anexo II: Fontes de información 2020
- Anexo III: Instrumentos de ordenación do territorio 2020
- Anexo IV: Listado de espazos naturais 2020
- Anexo VIII: Listado de núcleos derivados do planeamento non recollidos no nomenclátor 2003
- Anexo IX: Listado de bens patrimoniais 2020
- I: Listado de bens de interese cultural de Galicia 2020
- II: Listado de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia 2020
- PLANOS DE DELIMITACIÓN DOS ÁMBITOS DE APLICACIÓN DOS INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO
- PLANOS DE DELIMITACIÓN DAS AFECCIÓNS SECTORIAIS
- PLANOS DE IDENTIFICACIÓN DOS ASENTAMENTOS DE POBOACIÓN EXISTENTES
- CATÁLOGO.
Toda esta información pode consultarse e descargarse dende as seguintes ligazóns: