Un proxecto pioneiro entre a Xunta de Galicia e os concellos de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo e Sanxenxo permitiu obter 341 ortofotografías de gran resolución dos preto de 230 quilómetros cadrados que abrangue o territorio sobrevoado. O Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, impulsou en 2018 este proxecto, o primeiro destas características que se leva a cabo en España mediante a colaboración entre Administración autonómica e local e que se enmarca no prestixioso Plan Nacional de Observación do Territorio, programa recoñecido polas Nacións Unidas co premio ao Servizo Público.
Grazas aos voos fotogramétricos realizados dentro do plan PNOA10_Galicia, que se desenvolveron nestes seis concellos ao longo do pasado verán, obtivéronse un total de 3.129 fotografías aéreas de moi alta resolución. A partir deste material, xeráronse 341 True Orthos ou ortofotografías verdadeiras, imaxes de 10 centímetros de resolución que, tras someterse a un procesado previo, foron corrixidas xeometricamente de xeito que cada un dos puntos que se visualizan está situado na súa posición espacial correcta.
O grao de precisión e exactitude deste produto ofrece un amplo abano de aplicacións prácticas no relativo á planificación espacial das políticas referidas a aspectos tales como o medio ambiente, o deseño de infraestruturas ou a vivenda. Neste sentido, o Plan Nacional de Observación do Territorio responde xa de forma satisfactoria a moitas das demandas que teñen tanto o Goberno do Estado como as comunidades, pero non cobre a totalidade das necesidades dos concellos en materias que son da súa competencia.
Por este motivo, o IET orientou este plan á Administración local galega co fin de que puidese dar resposta, de xeito voluntario, colaborativo e optimizando os recursos dispoñibles, ás demandas existentes dende o eido local de imaxes aéreas cun alto nivel de detalle.
Entre as principais vantaxes directas das True Orthos cómpre subliñar a redución da necesidade de realizar medicións sobre o terreo; a posibilidade de facer anteproxectos de obra a partir da imaxe e da nube de puntos que ofrece; a dispoñibilidade dunha ferramenta de axuda para a elaboración do inventario municipal de sumidoiros, bancos, farois etc; o control de construcións irregulares; a mellora da planificación e da disciplina urbanística; a dispoñibilidade dunha base para os sistemas de información xeográfica municipais, ou a mellora dos sistemas de seguridade cidadá.
Ferramentas para a toma de decisións
En todo caso, o PNOA10_Galicia é un proxecto con vocación de futuro. De feito, a intención do IET é seguir a desenvolvelo sempre que exista un número mínimo de concellos interesados en participar na iniciativa.
Cómpre lembrar que a información territorial en xeral e as ortofotos en particular teñen un papel crucial tanto para as administracións como para determinados sectores empresariais, xa que axuda a comprender as forzas motrices que actúan no territorio e as presións e impactos que se derivan das actuacións realizadas polas persoas.
Para levar a cabo accións correctas, administracións, técnicos e poboación en xeral deben ter acceso a información actualizada, fiable e de detalle do territorio, un obxectivo que a Consellería de Medio Ambiente canaliza a través do IET para poñer á súa disposición a información xeográfica necesaria, o máis actualizada e completa posible, para executar os traballos de planificación, ordenación e xestión do territorio e da paisaxe.
Todo este novo material ortofotográfico recompilado no marco do plan PNOA10_Galicia está xa dispoñible para os/as cidadáns/ás e é completamente accesible a través de seis visores aos que se pode chegar desde as seguintes ligazóns: