É un un feito obxectivo que non todas as zonas de Galicia comparten comportamentos climáticos idénticos e que, mesmo compartindo valores idénticos nun gran número de variables climáticas, poderían diferir en gran medida no resto. Por iso non parece efectivo utilizar unha única característica do medio para tomar decisións comúns a todas as estratexias e territorio.
As estratexias da guía de arquitectura pasiva relacionan unha variable climática crítica cunha solución construtiva adecuada a cada variable. Óbvianse efectos secundarios do medio a favor dunha relación directa e clara entre as variables indicadas e desa maneira será posible asociar de maneira nítida unha estratexia pasiva de adaptación ao medio a un deseño construtivo na vivenda.
O visor web que se pon en marcha dentro da plataforma SIX corporativa permite navegar e obter datos a través dunha sorte de mapas interactivos. Está preparado para que calquera usuario poida consultar facilmente os mapas coas variables climáticas como complemento para cada variable construtiva. Esta ferramenta foi creada polos técnicos do Instituto de Estudos do Territorio a partir dos requirimentos determinados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Proceso de recollida de datos
Analízanse os datos climáticos de 160 estacións para establecer os seus valores medios en 7 variables: aridez estival, radiación solar anual, continentalidade, termicidade invernal, termicidade estival, inercia térmica e vento.
A continuación realízase unha análise de regresión coa finalidade de extrapolar os resultados puntuais das estacións e clasificar a totalidade do territorio galego. Áchase a correlación de cada variable con parámetros xeográficos (altitude, lonxitude e latitude). Engádese a capa de radiación solar anual obtida de MeteogGalicia.
Para iso utilizouse un repositorio de Bases de datos ORACLE, na que se creou un esquema para o IGVS que almacena a información do proxecto.
Esta base de datos nutre aos Servidores ArcGIS, que son os responsables de servir os datos en forma de servizos, sendo os de visualización de datos REST e WMS os consumidos polas Aplicacións, tanto a nivel de escritorio como a nivel de web.
Os metadatos cumprimentáronse coa ferramenta CatMDEdit seguindo a guía do Núcleo Español de Metadatos (NEM), sendo esta a implementación española do Regulamento de metadatos a nivel europeo que define a directiva INSPIRE.
A partir das fórmulas obtidas pola regresión, créase unha capa raster. Clasifícanse os datos en cada capa para obter 6 zonas segundo cada variable. A división realízase mediante intervalos naturais. Xúntanse as 7 capas nunha soa, en formato vectorial, onde a zonificación segundo cada variable está recollida na táboa de atributos.
Modelo Dixital do Terreo
MDT-200, Fonte: obtidos do Instituto Geográfico Nacional. Data: 30.03.2014
Base Cartográfica
BCN200, Fonte: obtidos do Instituto Geográfico Nacional. Data: 30.03.2014
Esta publicación forma parte da capitalización dun estudo previo, relativo ás vulnerabilidades e potencialidades da vivenda en Galicia fronte ao Cambio Climático, realizado dentro dun proxecto máis amplo denominado Adaptaclima, que foi sufragado polos fondos FEDER, creado por algúns socios da eurorrexión SUDOE, liderados e coordinados polo IGVS.