A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mellora o acceso á información sobre o nivel de ocupación do solo mediante o incremento da calidade dos datos do Sistema de Información sobre a Ocupación do Solo (SIOSE) con maior nivel de detalle cartografiable e unha redución de dúas a unha hectáreas da superficie mínima de representación en zonas agrícolas e forestais.

Esta mellora no SIOSE facilitará ás entidades públicas e privadas, así como á cidadanía en xeral, un mellor coñecemento sobre os ecosistemas terrestres e, polo tanto, mellores instrumentos para lograr unha planificación sustentable e responsable cimentada en indicadores de sustentabilidade ambiental, estratexias de xestión en zonas costeiras ou a realización de estudos dinámicos sobre a ocupación do solo.

Deste xeito, a nova base de datos SIOSE14 cumpre cun dos obxectivos do departamento de Medio Ambiente que é facilitar o coñecemento e a información xeográfica e territorial necesaria para apoiar o bo goberno a todos os niveis e, en particular, en relación ao medio ambiente. De aí, a importancia de dispoñer de información actualizada, fiable e de detalle, por canto axuda a comprender mellor as forzas que actúan sobre o territorio e a tomar decisións responsables e coherentes coas políticas ambientais e de protección.

A base de datos SIOSE está integrada por 40 coberturas simples e 42 compostas coas que se poden observar os distintos tipos de superficies, os seus usos e as actividades socioeconómicas que se desenvolven neses espazos. En concreto, as coberturas simples permiten ver os cultivos, pastos, arborado forestal, mato, terreos sen vexetación, coberturas húmidas e de auga. Pola contra, as compostas ofrecen unha visión sobre as repoboacións forestais, asentamentos agrícolas e residenciais, urbano mixto, industrial, sector primario, sector terciario, equipamentos, infraestruturas de transportes, enerxéticas, telecomunicacións, abastecemento de augas e xestión de residuos.

Esta nova base está incorporada xa no visor de "Ocupación do Solo" como unha capa temática máis simbolizada cos mesmos criterios que as coberturas anteriores co fin de facilitar a súa comprensión e comparación e sobre a que se pode obter información do seu contido ou solicitar a descarga dos datos orixinais. Tamén se incorpora no resto de ferramentas específicas do visor (consultas, temáticos e comparador).

A capa "Evolución de coberturas" actualízase para abarcar agora o período comprendido entre a primeira cobertura 2005 e esta última do 2014, esta capa amosa as modificacións máis notables neste período para sete agrupacións de coberturas.

En definitiva, a nova base de datos SIOSE14 de Galicia mellora a calidade das bases de datos SIOSE anteriores, correspondentes aos anos 2005, 2009 e 2011, configurando xa unha serie histórica de información sobre ocupación do solo que permite obter estatísticas de cambio de uso entre estas datas e, por conseguinte, avaliar a evolución do territorio na última década. Estes rexistros históricos de uso e cobertura do solo están á disposición dos cidadáns a través deste visor, no cal se pode visualizar e descargar esta información, así como localizar zonas cunha cobertura específica ou consultar a ocupación dun determinado lugar en diferentes datas.

 
Galería de imaxes
A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo
A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo
A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo
A Xunta de Galicia actualiza a información correspondente á evolución do uso do solo