Fotografía aérea

As necesidades de produtos fotogramétricos xerados dende a Xunta de Galicia canalízanse a través de dous programas cunha planificación a varios anos vista como son o PNOA imagen e PNOA10_Galicia. O primeiro proxecto xorde froito da colaboración entre a administración estatal e autonómica, e no que tradicionalmente obtíñanse resolucións que permitían obter ortofotos a escala 1/5.000 e restitucións a esa mesma escala. Mentres que o PNOA10_Galicia, xurdiu ante a demanda que existía por parte da Administración Local de ortofotos e fotogramas coas que abordar as cartografías municipais a escalas 1/1.000 e 1/2.000.

Complétase a terna de iniciativas con un conxunto máis heteroxéneo e específico de proxectos demandados por parte dos distintos organismos e departamentos da Xunta de Galicia e nos que se busca satisfacer as necesidades particulares dos mesmos cando os dous programas de cobertura global non as chegan a acadar. Os principais traballos pola cobertura nestes últimos anos foron os dos voos executados para o Plan Básico Municipal e o que serviu de base espacial para a definición da estratexia galega ante o cambio climático, denominado como Plan Adapta Costas Galicia.

PROGRAMA ADMINISTRACIÓNS INVOLUCRADAS FRECUENCIA TEMPORAL ÁMBITO ESPACIAL GSD PLATAFORMA PRODUTOS
PNOA imagen Estado-Xunta de Galicia 3 anos Totalidade de Galicia Mellora constante da resolución ata os 18 cm do 2020 Avión Ortofotografía
PNOA10_Galicia Xunta de Galicia-Administración Local Anual, excepto naqueles anos nos que se voa o PNOA imagen Termo municipal 9 cm Avión Ortofotografía/Trueorto
Outras iniciativas Xunta de Galicia Variable Variable en función das necesidades dos departamentos involucrados Variable, maior de 18 cm Avión/UAV Ortofotografía

O Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA) ten como obxectivo a obtención de ortofotografías aéreas dixitais cunha resolución que, no caso de Galicia, mellorará substancialmente durante o voo do 2020 os 20 cm que posuía a cobertura do 2017. A frecuencia de actualización desta iniciativa conxunta, proxecto cooperativo e cofinanciado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia, variará entre os 2 ou 3 anos.

Os voos fotogramétricos planificados dentro do proxecto buscan duplicar actuacións neste sentido por parte das Administracións Públicas participantes e realizar un tratamento rigoroso dos datos cumprindo cunhas especificacións técnicas consensuadas entre todas elas. Esta formulación de produción descentralizada e cooperativa entre as distintas administracións é acorde co espírito da Directiva Inspire para o establecemento dunha Infraestrutura de datos xeográficos en Europa, que persegue que o nivel de detalle máximo da información xeográfica se capture unha soa vez e que se comparta abertamente entre os distintos axentes sociais que teñan necesidade da mesma. Tanto os recubrimentos de ortoimágenes como os Modelos Dixitais de Elevacións forman parte dos "datos básicos de referencia" recollidos na citada Directiva.

A fotografía aérea trátase da base para a realización de cartografía e a información xeográfica en xeral, ocupación do solo, urbanismo e ordenación do territorio, catastro, xestión forestal, hidrografía, etc. Utilizando os mesmos datos fotogramétricos de partida, conséguese ademais unha perfecta coherencia xeométrica e temporal das bases de datos cartográficas e xeográficas existentes en todas as administracións. As características dos produtos obtidos no PNOA satisfán as necesidades de todas as administracións implicadas.

O PNOA10_Galicia trátase dun proxecto colaborativo entre a Xunta de Galicia e a Administración Local para dotar de ortofotos de moi alta resolución (trueortos) aos concellos adheridos a esta iniciativa. Co termo trueortos referímonos ás fotografías aéreas que, tras un procesado previo, foron corrixidas xeometricamente non só a nivel de terreo, senón tamén naqueles elementos que se atopan por riba del, como son as edificacións. Deste xeito, cada punto que se visualiza na imaxe está situado na súa posición espacial correcta, polo que non se observan as fachadas e as cubertas dos edificios non aparecen desprazadas con respecto a súa planta. Isto, ten como consecuencia directa a eliminación das oclusións ou ocultacións que se producen nas ortofotografías convencionais.

PNOA10 Galicia

  • Ortofotos do PBM:

As ortofotos e mosaicos realizados no marco deste plan nos concellos de:

Voos 2018

Cartelle - Padrenda – Porqueira - Ribeira de Piquín - Río Torto – Trabada - O Páramo - San Xoán de Río - Triacastela

Voos 2019

Abadín - Alfoz – Dumbría – Guntín – Monfero – Pantón - A Mezquita – Baltar - Baños de Molgas – Beariz - Chandrexa de Queixa – Dozón – Larouco – Lobeira – Melón – Montederramo – Piñor – Punxín - San Amaro - San Cristovo de Cea – Viana do Bolo – Vilariño de Conso.

  • Ortofotos do proxecto PIMA Adaptacostas

Simultaneamente á captura de datos LiDAR nos concellos de costa, durante o 2019 tomáronse fotografías aéreas que serviron tanto para colorear a nube de puntos como para actualizar as imaxes do territorio obxecto de estudo.