A produción de bases topográficas de referencia a escalas 1:5.000 ou 1:10.000 constitúen unhas das informacións de maior transcendencia para todas as administracións que xestionan o territorio, e o produto básico a partir do cal pode derivarse unha boa parte dos produtos e conxuntos de datos.
O Mapa Topográfico de Galicia (MTG) é a expresión gráfica do conxunto de datos vectoriais de carácter topográfico recollidos na Base Topográfica de Galicia (BTG). Actualmente a BTG do ano 2020 é a cartografía oficial de Galicia cubrindo todo o territorio de xeito continuo e homoxéneo.
A última actualización do MTG realizouse durante o 2020 a partir das imaxes do PNOA2017. Ao longo destes case que tres anos que pasaron entre que se efectuou o voo fotogramétrico e a cartografía final leváronse a cabo tanto os procesos de xeración das ortofotografías e produtos derivados, como os de elaboración de cada un dos conxuntos de datos que compoñen o produto final. Entre as principais melloras acadadas con respecto á versión anterior estarían as correspondentes ao:
- Incremento da calidade xeométrica da rede hidrográfica e das edificacións.
- Incorporación das liñas de media tensión.
- Revisión dos espazos dotacionais e equipamentos.
- Incorporación de novas curvas de nivel xeradas a partir do MDT e MDS do PNOA LiDAR2015-2016.
- Actualización das redes de transporte e de edificacións.
- Xeolocalización das entidades de poboación do Nomenclátor de Galicia.
- Revisión de asentamentos de poboación e de toponimia en xeral.
- Incremento dos atributos da base de datos.
Ao tratarse dunha base de datos espacial elaborada de acordo con un baseado na especificación BTA do Consejo Superior Geográfico, asegúrase a harmonización entre as bases topográficas producidas polas diferentes CCAA do estado no rango de escalas 1:5.000 a 1:10.000 e a BTN25 producida polo Instituto Geográfico Nacional, para poder proporcionar aos usuarios unha cartografía multi-escala sen solución de continuidade desde o nivel de detalle global de toda España, propio de escala 1:1.000.000 ata o nivel de detalle propio de escala 1:10.000 que posúe a BTG.
Descarga e consulta da información
Os mapas, para a súa descarga, preséntanse distribuídos por follas e concellos, e tanto en formato shapefile (.shp) como en formato PDF (.pdf): consultar a sección de descargas.
Tamén son accesibles mediante servizos interoperables de visualización (WMTS).
Os Plans Básicos Municipais teñen como soporte cartográfico unha base espacial realizada a escala 1:5.000 segundo as Normas Técnicas de Planeamento. Esta normativa regula, entre outros aspectos, os criterios, formatos e contidos a ter en conta durante a elaboración dos diferentes documentos que compoñen os instrumentos de planeamento; harmonizan a estrutura e codificación dos documentos dixitais; establece os aspectos técnicos requiridos para a elaboración da cartografía temática urbanística en soporte SIX e para o seu tratamento informático; considera o proceso de dilixenciado dixital dos documentos de planeamento e ordena, nun título específico para elo, a elaboración da base cartográfica que sirva de soporte para a formulación do planeamento.
Para a execución dos Plans Básicos Municipais necesítase dun marco espacial actualizado, con cobertura completa de cada un dos concellos involucrados, coherente xeometricamente e a unha escala cun grao de detalle tal que posibilite a toma de decisións na delimitación das clases e categorías do solo. Para iso requírese dunha información a escala 1/5.000 da totalidade de superficie de concello seguindo as especificacións e dicionario de datos da BTGv1.0. Pero, ademais, para a definición dos Plans Básicos Municipais compre dispoñer de información detallada para aqueles ámbitos susceptibles de ser clasificados como chan de núcleo rural. Para iso, precísase de información a escala 1/2.000 dos devanditos ámbitos segundo as especificacións e dicionario de datos da BTUGv1.0.
Actualmente, e de acordo coa citada normativa, as bases a escala 1/5.000 atópanse dispoñibles para a totalidade dos concellos de: Cartelle, O Páramo, Porqueira, Ribeira de Piquín, Riotorto, San Xoán de Río, Trabada e Triacastela. Mentres que a escala 1/2.000 restituíronse os núcleos rurais destes mesmos concellos.
Os arquivos orixinais foron elaborados durante 2019 a partir de voos realizados durante o ano 2018. Actualmente tamén se dispón das bases correspondentes aos concellos de Alfoz, Samos, Viana do Bolo, Guntín, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea e Dozón.